Silvia Penas, Alberto Gracia e a represión franquista sobre a música protagonizan o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario, á venda durante a fin de semana, entrevistamos a poeta Silvia Penas e afondamos na represión franquista sobre a música galega. Ademais, analizamos a obra de Alberto Gracia, cuxa longametraxe La Parra será exposta no Festival de Cinema de Rotterdam.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 3 de febreiro un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a poeta Silvia Penas, que conversa longo e tendido co xornalista Xan Carballa a raíz da súa última obra, Retratos de vodas, partos e funerais (Galaxia, 2023), así como dos últimos proxectos que ten entre mans.

"Que se chame retratos ten que ver con ser diáfano: estoute pondo á vista. Son retratos que recollen descritivamente algo que vin ou alguén viu. O título xa é unha declaración de intencións. Pero ao tempo, como todo retrato, só vemos un fragmento. O libro ten poemas escritos noutros tempos, outros que naceron para un proxecto escénico coa Orquestra Clásica de Vigo, que era un retrato musical sobre a base de Cosi fan tutte, ao que se lle retirou o texto e substituíuse con poemas meus, que agora puín, porque alí tiñan que adaptarse á música de Mozart. Despois cando reunín as cousas vin que tiñan ese mesmo xeito transparente de contar, de expresar e cadraban. Francisco Castro insistía en pedirme un libro, e foi cando armei o poemario", conta na entrevista.

A música, inimiga da ditadura

Os gaiteiros que tocaban nos mitins do Estatuto, os que honraban Santa Mariña no intre do golpe, os que ano a ano executaban a danza gremial do agro ou as pandeireteiras que non perdían unha festa, foron vítimas da represión franquista, igual que bandas de música, compositores ou intérpretes. Aquel verán do 36 o son galego enmudeceu ou foi luxado ao mudar en ferramenta do fascismo. Mais ficou o legado da resistencia. Sobre isto fala a xornalista Montse Fajardo na reportaxe que abre este Sermos.

"A música logrou, ás veces, fuxir da barbarie. Conta Xosé Ramón Paz Antón que, aínda que traballaba como carpinteiro, o que máis lle gustaba facer a Amador Solla era tocar a gaita na súa Salceda de Caselas (comarca de Vigo), á fronte dunha agrupación que levaba o seu nome", relata.

Alberto Gracia: eloxio da melancolía

Do 25 de xaneiro ao 4 de febreiro decorre o Festival de Cinema de Rotterdam, unha das grandes referencias para a cinefilia de todo o planeta. Entre as 14 longametraxes que integran a súa competencia principal hai unha produción galega, La Parra, dirixida polo ferrolán Alberto Gracia, un creador inconformista e lúcido cuxa obra move sempre á reflexión sobre o que queda de humano na sociedade do espectáculo. A lingua galega estivo presente estes días na gran pantalla de Rotterdam.

E disto fálanos Martin Pawley na segunda reportaxe: "O galego Alberto Gracia coñece ben o festival de Rotterdam: as tres longametraxes que dirixiu foron seleccionadas alí. Producida por Zeitun Films, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser formou parte en 2013 da competencia Bright Future e saíu de alí co premio da crítica internacional, o FIPRESCI, para dar inicio a un selecto percorrido por, entre outros destinos, Valdivia, a Cinemateca Uruguaia ou a Viennale austríaca".

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Festas de gardar. Díptico para a resistencia, de Lorena Conde (Cuarto de inverno, 2023), e Cinza, de Manel Cráneo e Xavier Alcalá (Demo Editorial, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza os títulos máis recentes, comezando por Lugar A Ponte, de Caldo (Autoedición, 2024). Pola súa parte, Alexandre Sotelino Losada e Álvaro Rodríguez Carballo asinan un artigo de homenaxe a Leilía que leva por título 'Dicir Leilía é ir ao berce de Galicia'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Fallen Leaves (Aki Kaurismäki, Islandia, 2023), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla, mentres Sole Felloza aproxima as lectoras e lectores ao Entroido na sección Patrimonio Oral. Aliás, Lázaro Armental analiza no apartado de Arquitectura o futuro do coche nas cidades e o problema do aparcamento.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios