Xustiza

A acusación pide o ingreso en prisión de Santi Mina ante o "risco" de que poida "eludir" a pena

Desde a defensa da vítima salientan a capacidade económica e deambulatoria da que gozou o futbolista após ser condenado en primeira instancia, cando se desprazou a Arabia Saudita para xogar cedido no Al-Shabab. O Celta estuda "en profundidade" a sentenza condenatoria por abuso sexual cos seus servizos xurídicos para decidir o futuro de Mina, que, polo de agora, segue a adestrar nas instalacións celestes en Mos.
Santi Mina, á súa saída dos xulgados de Almería (Foto: Europa Press).
photo_camera Santi Mina, á súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)

A defensa do dianteiro do Real Club Celta Santi Mina vén de confirmar que recorrerá diante do Tribunal Supremo a sentenza do alto tribunal andaluz que ratifica a pena de catro anos de prisión por un delito de abusos sexuais a unha muller durante na madrugada do 16 de xuño de 2017, nunha furgoneta situada nas proximidades dunha discoteca de Mojácar (Almería), tendo en conta que a acusación particular xa avanzou, pola súa parte, que solicitará o ingreso do futbolista en prisión nas próximas semanas.

A representación letrada do futbolista trasladou, en declaracións á axencia Europa Press, a súa "decepción" ante o fallo da Sala de Apelación no que atinxe a un "recurso moi traballado" que, aínda que é atendido parcialmente e rebaixa a indemnización de 50.000 a 25.000 euros, mantén nos mesmos termos a condena por abusos sexuais, polo que incidirá sobre este asunto no seu recurso de casación diante do Supremo. Nesta liña, a avogada Fátima Rodríguez considerou que a sentenza, da que se elimina do relato dos feitos que o acusado actuase nun marco de "superioridade", mostra con base nas súas alegacións que "no principio acusatorio había unha vulneración efectiva e real" en canto á conduta do seu patrocinado, malia que este aspecto non influíu na aplicación e fixación do tipo penal.

En concreto, a sala elimina do relato de feitos probados que o acusado actuase aproveitando un marco de "superioridade" máis aló das circunstancias que concorreron no interior da furgoneta 'camperizada' na que se perpetraron os abusos sexuais sen que mediase o consentimento da vítima, é dicir, que os feitos se desen nun "espazo angosto e estraño" para a vítima, que o acusado tapase a "única saída" e que ela se atopase "en estado de shock". A acusación particular, exercida polo letrado Iván Bolaños, considera a este respecto que a retirada do termo "superioridade" da sentenza vai encamiñado a evitar erros ou confusións de interpretación en canto a que non houbo consentimento de ningún tipo por parte da vítima ante os feitos, nin tan sequera un consentimento viciado por intimidación ambiental, entendido como superioridade.

A defensa manifestou a súa intención de solicitar nas próximas semanas ante a Audiencia Provincial de Almería o ingreso en prisión preventivo do dianteiro con base na sentenza confirmatoria coincidente practicamente na súa totalidade co pronunciamento de orixe, co fin de evitar calquera risco de que o condenado poida "eludir" a pena. Neste senso, sinalaron a capacidade económica e deambulatoria da que gozou o futbolista, que a pasada tempada viaxou até Arabia Saudita para xogar no Al-Shabab cedido polo Celta, logo de ser apartado inicialmente dos terreos de xogo con base no primeiro fallo xudicial. Uns elementos que cren deben ser tidos en conta para determinar a súa entrada nun centro penal.

O letrado expresou o sabor "agridoce" que deixa este fallo "tremendamente fundamentado" por parte da Sala de Apelación do Tribunal Superior de Xustiza de Andaluicía, xa que, se ben por unha parte confirma a pena de catro anos de prisión, non atende os argumentos, aos que se adheriu a Fiscalía, para elevar a condena ao descartar a existencia de agravantes, sentido no que aínda estudan a posibilidade de intepor o seu propio recurso de casación ante o Supremo. No que atinxe á rebaixa da indemnización, a acusación sinalou o criterio "homoxeniezador" en termos xurídicos seguido polo tribunal para fixar as contías partindo doutros pronunciamentos e recoñece as dificultades de atender indemnizacións de dano moral, aínda que sostén en base a paralelismos coa avaliación de casos nos que hai danos físicos a posibilidade de aumentar a contía até os case 116.000 euros que solicitaban.

"O diñeiro nunca foi unha prioridade, teremos que valorar se é un aspecto que nos compensa", explicou Bolaños, quen lembrou que nun primeiro momento a vítima mesmo chegou a rexeitar compensación económica polo ocorrido e que foi posteriormente, baixo asesoramento legal, cando se decidiu pedir indemnizacións. O TSXA rexeita os motivos de apelación do condenado, nos que indica que se vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva porque a sentenza da Audiencia de Almería non foi imparcial ao valorar as declaracións da vítima. Ademais, malia que defende que existiron contradicións nas distintas declaracións da vítima, a Sala explica que o seu relato carece "de contradicións relevantes nos aspectos esenciais".

Santi Mina segue adestrando á espera do Celta resolver o seu futuro

A última hora da tarde desta cuarta feira, e sen darlle a debida difusión a través das redes sociais, o Real Club Celta publicou na súa web un comunicado no que aseguraba condenar "de maneira contundente e enérxica os feitos acontecidos" en relación co xogador que aínda ten en nómina e reiteraba, "máis unha vez", que "os valores do Celta están por riba de todo e que o club os defenderá até as últimas consecuencias".

Desde a entidade celtiña estudan agora "en profundidade" a sentenza, da man dos seus servizos xurídicos, para decidir os seguintes pasos a dar. Entre tanto, Mina volveuse exercitar esta mañá nas instalacións do Celta en Mos mentres o primeiro equipo continúa a súa pequena estadía de pretempada no Algarve portugués. En calquera caso, o clube amósase reticente a rescindir o seu contrato polo alto custo económico e procúralle un novo equipo para el, algo que non semella sinxelo dada a condena por abuso sexual que paira sobre el.

Comentarios