Inglaterra, último obstáculo de Tere Abelleira no Mundial

20 de xullo de 2022. Inglaterra elimina ante o seu público nos cuartos de final da Eurocopa ao combinado do Estado español, no que unha Tere Abelleira de 22 anos disputa como titular os seus primeiros minutos no torneo. Agora, 13 meses máis tarde, a vida ofrécelle á de Pontevedra a opción de resarcirse na final do Mundial. 
Tere Abelleira, posando coa bandeira galega tras conseguir a clasificación para a finalísima. (Foto: Europa Press).
photo_camera Tere Abelleira, posando coa bandeira galega tras conseguir a clasificación para a finalísima. (Foto: Europa Press).

Tere Abelleira xa ten rival, e non podería ser outro mellor. O fútbol, cruel por natureza, non adoita conceder segundas oportunidades, pero a deusa Fortuna quixo outorgarlle á centrocampista galega a oportunidade de desquitarse da eliminación sufrida a mans de Inglaterra nos cuartos da pasada Eurocopa de 2022 nin máis nin menos que na final do Mundial, logo da clasificacións das Lionesses.

As británicas lograron imporse á anfitrioa, Australia, na segunda semifinal do torneo por un resultado de 1-3, nun choque pouco atractivo a pesar dos goles materializados por Ella Toone, Lauren Hemp e Alessia Russo, que fixeron inútil o materializado pola lendaria Sam Kerr para as Matildas.

O respecto mutuo e a igualdade foron as chaves que condicionaron a primeira metade e o comezo da segunda, con tímidas alternativas para un e outro conxunto que só obtiveron premio no '36 co tanto da inglesa Toone e no '62 co da local Kerr.

Catárquico, foi a partir dese intre cando as campioas de Europa recuperaron unha garra que non exhibiran ao longo do torneo, e logo dun primeiro intento protagonizado por Bronze e un segundo de Russo, Hemp aproveitou un erro de Carpenter para enviar a pelota ao fondo da rede, silenciando un Estadio Olímpico de Sydney que perdeu toda esperanza de remontar cando Alessia Russo, beneficiada polos espazos deixados por unhas australianas obrigadas a buscar o empate desesperadamente, definiu brillantemente co interior da perna dereita, mandando unha mensaxe a Tere Abelleira e as súas compañeiras, ás que retarán o próximo domingo ás 12, hora galega.

Pantallas xigantes en varios concellos da Galiza

O fito de contar cunha futbolista do país no evento deportivo máis importante do mundo -con permiso dos Xogos Olímpicos- levou a varios concellos a confirmar que contarán con pantallas xigantes na rúa para poder seguir o partido. Polo de agora, foron a súa Pontevedra natal, a veciña Poio, Sanxenxo e A Coruña.

No caso da cidade herculina, o consistorio precisou que se empregarán as pantallas laterais do escenario das festas de María Pita, con acceso gratuíto á praza.

Outros municipios como o da Boa Vila confirmaron que haberá pantalla para ver o partido. Na súa conta de Twitter, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que, por cuestións técnicas e loxísticas, será na praza da Ferraría. Tamén mostrou o seu "orgullo" por contar con "unha pontevedresa e unha galega na final", en referencia a Teresa Abelleira.

Tamén Sanxenxo instalará unha pantalla xigante, neste caso na praza Fonte de Ramos. No recinto colocaranse 150 cadeiras para poder seguir o partido, mentres que haberá outra na praza da Chousa, en Combarro. Será, indican desde o consistorio de Poio, para celebrar que Teresa Abelleira "está a facer historia no fútbol e no deporte".

Comentarios