Tere Abelleira escacha outro teito de cristal no Mundial: estará na finalísima

O combinado estatal venceu o de Suecia (2-1)
A futbolista galega, celebrando co seleccionador, Jorge Vilda. (Foto: EP).
photo_camera A futbolista galega, celebrando co seleccionador, Jorge Vilda. (Foto: EP).

Fazaña, proeza, xesta... non hai cualificativos suficientes no galego para definir a magnitude do conseguido por Tere Abelleira, que logrou clasificarse brillantemente para a final da Copa do Mundo de fútbol xunto co resto das súas compañeiras do combinado estatal.

A de Pontevedra volveu ser titular e a xogar todos os minutos nunha primeira semifinal do torneo -que non a segunda, como por erro informou quen subscribe estas liñas no xornal de onte-, na que a súa rival, Suecia, partía como favorita.

Para tratar de anular esa teórica superioridade, o seleccionador, Jorge Vilda, devolveu ao once a dúas veces gañadora do Balón de Ouro, Alexia Putellas, quen substituíu Esther Gonzalez -titular ante Suíza e os Países Baixos- e formou parella atacante con Jenni Hermoso.  

Suecia, como estaba previsto, plantouse ben no campo e centrou o seu plan en tratar de incomodar en todo momento ás centrocampistas rivais, deixando pouco marxe de manobra sobre todo á dianteira madrileña, algo illada arriba e sen poder plasmar a súa calidade.

A presión sueca era constante, pero a Roja foi, aos poucos, facéndose co control de choque grazas á súa firmeza defensiva. Con todo, custoulle crear ocasións de verdadeiro perigo, alén dunha deixada de cabeza de Alba Redondo que non atopou rematadora e un disparo desde fóra da área de Olga Carmona.

Non sería até a entrada de Salma Paralluelo no minuto 57 cando o partido se abriría definitivamente, anotando esta o primeiro gol do encontro logo de sacar petróleo dun rebote na área no 81, pero a desaforada estratexia de ataque adoptada polas suecas tivo premio en forma de empate (Blomqvist, '88).

A prórroga parecía unha realidade, mais Olga Carmona, a falta de 60 segundos para o final do tempo regulamentario, introduciu de soberbio golpeo co interior do pé un balón elevado ante o que, a pesar de chegar a aloumiñalo coa punta dos dedos, nada puido facer Musovic, obtendo así o boleto para a finalísima do domingo en Sydnei para Tere Abelleira e as súas compañeiras.

A centrocampista apareceu na zona mixta despois da semifinal portando unha bandeira galega que lle achegara súa nai, e alí manifestou que para ela supuña "un orgullo" representar a Galiza na cita raíña do fútbol a nivel internacional.

Comentarios