Edson Arantes do Nascimento, Pelé, un dos mellores xogadores de fútbol de toda a historia, faleceu esta quinta feira aos 82 anos de idade. Encontrábase en estado grave desde o pasado 29 de novembro, cando foi ingresado no Hospital Albert Einstein de São Paulo por mor do cancro que padecía.
Segundo informou o diario brasileiro Folha de São Paulo, o ex do Santos xa non respondía ao tratamento de quimioterapia. A lenda do fútbol levaba unha década loitando contra graves problemas físicos e de saúde.
Nas redes sociais do icónico futbolista pódese ler unha última mensaxe de dedicatoria: "A inspiração e o amor marcaram a jornada de Rei Pelé, que faleceu no dia de hoje. Amor, amor e amor, para sempre".
Neymar, Leo Messi, Ronaldo, René Higuita... O mundo do fútbol lembrou nas últimas horas o último grande astro deste deporte canda os xa falecidos Alfredo Di Stefano, Johan Cruyff e Diego Armando Maradona. Mais non só os futbolistas choran a morte de Pelé: tamén figuras destacadas do mundo do espectáculo como a modelo Claudia Schiffer ou o actor Sylvester Stallone, así como o presidente entrante do Brasil, Lula da Silva, ou o ex presidente dos EUA Barack Obama.
🙏🏾 Tu Reinado será eterno …
— René Higuita (@higuitarene) December 30, 2022
Gracias por tu legado Maestro @Pele pic.twitter.com/uwSjCgqTEp
Eu tive o privilégio que os brasileiros mais jovens não tiveram: eu vi o Pelé jogar, ao vivo, no Pacaembu e Morumbi. Jogar, não. Eu vi o Pelé dar show. Porque quando pegava na bola ele sempre fazia algo especial, que muitas vezes acabava em gol.
— Lula (@LulaOficial) December 29, 2022
📸: @ricardostuckert pic.twitter.com/YQs3K119t9
A vida do 'Rei'
Pelé, nado en Tres Corações (Minas Xerais) o 23 de outubro de 1940 e finado en Morumbi o 29 de decembro de 2022, era considerado 'O Rei' do fútbol. Entre el e Diego Armando Maradona está o eterno debate sobre quen foi o mellor futbolista de todos os tempos.
Con Pelé como estrela principal do combinado brasileiro, a canarinha gañou os mundiais de 1958, 1962 e 1968. Con esa segunda Copa do Mundo tornou no bicampeón máis novo da historia, ao logralo con 21 anos. Aliás, na actualidade é o único futbolista que conseguiu elevar ao ceo o trofeo mundial en tres ocasións.
Durante as 18 tempadas que militou no Santos brasileiro, o astro do fútbol marcou un total de 643 goles en 665 partidos, namentres no conxunto da súa carreira, segundo a FIFA, anotou 767. Porén, quen o viron xogar e seguiron de perto a súa traxectoria afirman que superou os 1.200 goles.
Coa canarinha, segundo consta nos rexistros oficiais, logrou 77 tantos en 92 partidos, unha marca que vén de superar Neymar Jr na Copa do Mundo de Qatar. Pelé retirouse deste deporte en 1977, após tres últimos anos de traxectoria defendendo a camiseta do New York Cosmos.