Vía Galega aposta por un calendario estábel de competicións das seleccións galegas e por conseguir a súa oficialidade

Ante o anuncio da volta da selección galega de fútbol, despois de oito anos sen disputar ningún partido, Vía Galega lamentou que tiveramos que agardar todo este tempo "para só asistir ao anuncio dun encontro amigábel".
A afección, con independencia da data e do estadio no que se desenvolva, apoiará a Irmandiña, tal e como fixo nos seus últimos xogos (Foto: Siareiros Galegos).
photo_camera A afección, con independencia da data e do estadio no que se desenvolva, apoiará a Irmandiña, tal e como fixo nos seus últimos xogos (Foto: Siareiros Galegos).

O anuncio da volta da selección galega de Fútbol foi valorado esta terza feira por Vía Galega como insuficiente, "por non enmarcarse nun calendario estábel de competicións das nosas seleccións e renunciar a conseguir a súa oficialidade".

Ante o anuncio da volta da selección galega de fútbol, despois de oito anos sen disputar ningún partido, Vía Galega lamentou que tiveramos que agardar todo este tempo "para só asistir ao anuncio dun encontro amigábel sen marcarse outros obxectivos irrenunciábeis, como son o fixarse un calendario de encontros anuais e a disposición e vontade de conseguir que a Galiza teña dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional en todas as modalidades, categorías e disciplinas deportivas".

A organización apostou tamén por "conformar seleccións galegas femininas e masculinas en todas as categorías e disciplinas deportivas". Por tanto, este colectivo reclamou que o novo Goberno Galego e o seu presidente, Alfonso Rueda, asuman "a proposta que foi avalada por miles de sinaturas, defendida no Parlamento mediante unha Proposición Non de Lei por Iniciativa Popular promovida por Vía Galega, e co apoio de persoas significativas de diferentes deportes".

"Necesitamos competencias lexislativas plenas para que os nosos e nosas deportistas teñan máis oportunidades, para o recoñecemento oficial das nosas seleccións, para rematar coa nosa subordinación ás federacións españolas e para amosarnos como nación que somos, tal como xa acontece, por exemplo, con países como Escocia ou Gales, que non contan con Estado propio", engadiu Vía Galega.

"O preocupante é que, até o de agora, a Xunta da Galiza nin exixe competencias plenas no ámbito deportivo, nin crea seleccións galegas, sendo a única responsábel de que non existan competicións amigábeis das seleccións absolutas en todas as disciplinas deportivas", engadiu o colectivo.

"As nosas seleccións nacionais deportivas represéntanos como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social. Porén, impídesenos competir oficial e internacionalmente, coa única excepción do fútbol gaélico. Por iso, Vía Galega continuará na loita até termos as nosas seleccións deportivas, as únicas que nos representan como pobo e nos amosan como nación", concluíu a organización.

Comentarios