O Banco de España obriga Abanca a reforzar o seu 'colchón anti crise'

A medida entrará en vigor ao comezo de 2024.
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A Xunta Única de Resolución decidiu axustar os requisitos mínimos de fondos propios e pasivos elixíbeis (MREL) de Abanca, a entidade financeira con maior implantación na Galiza, segundo notificou o Banco de España a esta empresa.

Os requisitos MREL son o 'colchón anti crise' que teñen que manter os bancos e que se usarían en caso de problemas para evitar que na crise financeira dunha entidade haxa que usar fondos públicos, de forma que as perdas sexan absorbidas polos acredores e os accionistas.

En concreto, a partir do 1 de xaneiro de 2024, Abanca deberá ter unha ratio de MREL sobre a exposición total ao risco (TREA) de 18,98%, por encima da porcentaxe de 18,84% que estaba fixada até o de agora.

En cambio, a ratio de MREL sobre a exposición da ratio de estancamento (LRE) reduciuse nunha centésima porcentual, estabelecéndose en 5,21% (antes fixada nunha ratio de 5,22%). Pola súa parte, o obxectivo intermedio da ratio de MREL sobre TREA de 14,77% e de 5,19% sobre LRE, vixentes desde o 1 de xaneiro de 2022, mantivéronse sen cambios.

Comentarios