Os carburantes seguen encarecéndose

O prezo dos carburantes encadean catro semanas de subas. Na última semana o gasóleo encareceuse un 2,5 % e a gasolina un 2,1 %.

Unha persoa repostando nunha gasolineira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Unha persoa nunha gasolineira este mes de xullo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Coa chegada do verán tamén chegou o aumento de prezos dos carburantes. A escalada non parou desde inicios de xullo e leva catro semanas de subas continuadas.

Nesta última, o gasóleo encareceuse un 2,5 % e a gasolina un 2,1. Os prezos volven así aos niveis de abril.

Desta maneira, as gasolineiras teñen agora en agosto, como prezo medio, o diésel a 1,5 o litro, e a gasolina a 1,65 céntimos.

Se contamos o aumento desde comezos do mes pasado, a gasolina é un 3,7 % máis cara. E o diésel encareceuse aínda máis, un 4,5 %.

Son os datos que achega o Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), que recolle os datos de máis de 11.400 estacións de servizo en todo o Estado español.

Desta maneira, cos prezos actuais, encher con gasolina un depósito de 55 litros custa 90,75 euros, mentres que se se enche con gasóleo, o prezo alcanza os 82,61 euros, o que supón unha rebaixa con respecto a hai un ano duns tres euros no primeiro caso e de 10,5 euros no segundo.

A pesar deste aumento continuo, a gasolina é un 3 % máis barata que hai un ano, cando aínda estaba en vigor o desconto de 20 céntimos por litro aprobado polo Goberno español, á vez que o gasóleo custa un 11,3 % menos.

En comparación coa primeira semana deste 2023, na que aínda se deixaban sentir os efectos da bonificación nos últimos días do mes de decembro, a gasolina encareceuse un 19,3 % e o gasóleo un 2,9 %.

Comentarios