Entrevista

Carmela Sánchez Carreira: "Os grupos máis vulnerábeis son os que máis sufriron os efectos da Covid"

Carmela Sánchez Carreira asina xunto a José Manuel Amoedo o traballo de investigación 'Os efectos iniciais da Covid-19 nas desigualdades de renda na Galiza e a súa distribución na sociedade', galardoado co Premio Valentín Paz Andrade de Economía; un traballo con implicacións políticas e sociais que  achega coñecemento ás políticas públicas.
A profesora de Economía Aplicada da USC e colaboradora de 'Nós Diario' Carmela S. Carreira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A profesora de Economía Aplicada da USC e colaboradora de 'Nós Diario' Carmela S. Carreira. (Foto: Nós Diario)

—Os datos de 2020 reflicten un incremento das desigualdades de renda na Galiza. Como afectou a Covid á economía das familias?
O primeiro que se observa ao analizar os datos é unha redución de renda, como se esperaba, pero cun efecto dispar en todos os colectivos. Os grupos máis vulnerábeis, aqueles que viñan magoados xa pola crise anterior, son os que máis sofren a incidencia da pandemia.

—Foi posíbel identificar os grupos máis castigados?
Creo que o colectivo máis afectado foi o das persoas que traballaban na economía informal, pero desgraciadamente isto non o recollen as estatísticas. Os colectivos máis vulnerábeis que si aparecen nas enquisas son o das mulleres, se atendemos ao sexo; as persoas migrantes, se nos fiamos na nacionalidade, e se miramos a idade, as persoas novas son as máis afectadas. Esta realidade dá conta da precariedade do mercado laboral e das condicións de acceso á vivenda. E de cara ao futuro, esa fenda xeracional debe alentar moitos máis traballos e un deseño das políticas máis orientadas ás necesidades de cada colectivo, porque cada un ten as súas.

—Cara a onde deben camiñar as políticas públicas?
Durante a Covid, as políticas que se aplican son moi diferentes das adoptadas previamente, e malia que paliaron a situación dos grupos máis afectados, non foron suficientes. No noso contexto as políticas públicas non teñen un carácter moi redistributivo, porque se deseñan de forma xeral e non se dirixen aos colectivos máis vulnerábeis. É importante que reparen en cada grupo e se dirixan, en particular, a atender as súas carencias. O caso concreto da xente nova cremos que está a encubrir outras debilidades do sistema que urxe atallar.

—Distintos estudos, ademais do relato da propia mocidade, poñen o foco nesa precariedade da que alertan no seu traballo.
A idade deste grupo non é a razón principal que o fai estar entre os máis vulnerábeis durante a Covid, senón outras compoñentes que se acumulan nas persoas novas. Malia ser as mellores preparadas, cun nivel de estudos alto, asumen unha condicións laborais moi precarias, sobre todo na etapa inicial. Isto, xunto ás dificultades cada vez maiores para acceder a unha vivenda fai que as súas condicións de vida se vexan comprometidas e vanas ir arrastrando durante moito tempo.

—A Covid alentou unha serie de medidas paliativas que mudaron o escenario sen acabar coas desigualdades.
Unha pandemia exixe unha resposta paliativa e hai que pór en valor a capacidade da Administración para tomar medidas malia resultar insuficientes, pero do que se trata é de evitar esas situacións, de exclusión social ou risco de exclusión. Aí o traballo é un factor fundamental, un traballo que che garanta que non vas ser unha persoa pobre; o acceso a unhas condicións de vida mínimas: vivenda, ocio, alimento... cuestións importantes no ámbito do desenvolvemento social e persoal, que repercute no nivel de estudos e condicións de vida dos descendentes.

Investigacións que cambian a vida das persoas

Investigacións como a de Sánchez e Amoedo, desde a Galiza, con datos sobre a evolución das rendas do traballo e unha análise detallada do seu alcance social en todos os niveis "son moi importantes", destaca a autora, nomeadamente á hora de tomar decisións e impulsar políticas públicas que contribúan a unha mellor distribución da riqueza  e "axuden a recuperar o benestar" das familias, sobre todo das máis vulnerábeis.

Mais este tipo de estudos non sempre se fan, "ás veces porque temos a limitación dos datos e, en ocasións, as presións para publicar a nivel internacional fan que esquezamos que, ao final, producimos coñecemento para mellorar a vida das persoas, para que teña implicacións políticas e sociais".

O seu estudo centrouse na análise da renda porque "é a fonte sobre a que temos máis información dispoñíbel a través da enquisa do Instituto Galego de Estatística" e achega unha fonda reflexión sobre o carácter das políticas públicas que mellor poden reducir a pobreza e distribuír a riqueza. "Na economía non podemos tomar medidas de forma illada. Temos un nivel de desemprego alto e acórdanse medidas paliativas, pero nunca aplicamos políticas para corrixir iso. Concentramos o esforzo no primeiro, e o urxente distráenos do que é importante para sentar as bases dunha sociedade e unha economía máis igualitaria e con mellor calidade de vida".

Comentarios