Xustiza

O xuíz afasta a familia Rubiralta de Celsa e pon os acredores á fronte

A compañía metalúrxica ten unha factoría na Laracha.
Planta metalúrxica de Celsa.
photo_camera Planta metalúrxica de Celsa.

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya vén de ditar sentenza, nun auto transcendido esta mesma segunda feira, e acorda a homologación do plan de reestruturación proposto polos acredores da metalúrxica Celsa, polo que estes serán accionistas da compañía en substitución dos actuais propietarios, a familia Rubiralta, que perden o poder. A compañía foi fundada en 1967 polos irmáns Francisco e Josep Maria Rubiralta e conta na actualidade cunha planta no concello da Laracha (Bergantiños).

Na resolución, o maxistrado acorda a homologación do citado plan ao entender que "reúne todos os requisitos legais, dado que o importe da débeda é moi superior ao valor da compañía" e que, coa proposta dos acredores, queda asegurada a viabilidade do Grupo Celsa, salientou, a través dun comunicado. Entre os seus acredores atópanse xigantes como o Deustche Bank ou Goldman Sachs.

A sentenza fíxose pública tras o xuízo de oposición á homologación deste plan por parte dos accionistas de Celsa que decorreu o pasado xullo, no que estes defenderon a solvencia do grupo en mans dos Rubiralta. "Nunha moderna economía competitiva, o mercado é e debe ser o único árbitro da supervivencia económica", salienta o texto.

Este plan, agora xa homologado, prevé a capitalización dunha parte importante da débeda, de maneira que os fondos de investimento dos acredores pasen a ser accionistas da compañía substituíndo os actuais propietarios. Esta é, para o xuíz, "a única alternativa viábel a medio prazo para a totalidade do Grupo Celsa".

Con todo, a sentenza tamén advirte que os novos accionistas "deben cumprir estritamente os seus compromisos, preservando e incrementando o valor da compañía, mantendo a súa integridade e conservando os postos de traballo". E todo iso, subliña, "sen alterar os centros estratéxicos de decisión que tanta relevancia teñen para a economía no seu conxunto".

O auto profunda nunha interpretación económica da Lei concursal e proporciona, salienta o maxistrado, "moitos criterios interpretativos" para sucesivas situacións de crises que poidan favorecer as negociacións entre un debedor e os seus acredores.

Tamén recolle que esta nova situación, "en sintonía co que sucede nas economías máis competitivas do mundo", podería ser unha "boa nova para todos" dependendo do "uso responsábel das extraordinarias facultades de decisión que se conceden aos acredores, do coidado e protección de todos os intereses en xogo e da preservación do valor empresarial e a continuidade das compañías".

Comentarios