Pesca

A CIG denuncia que o acordo de pesca con Marrocos foi "unha fraude" e reclama negociar coa Fronte Polisario

A CIG insta a negociar xa coa Fronte Polisario un novo protocolo que respecte os intereses e a soberanía do pobo saharauí e permita á flota galega regresar a unhas augas nas cales faenou historicamente.
Un barco de pesca en augas saharauís (Foto: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación).
photo_camera Un barco de pesca en augas saharauís (Foto: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia que o acordo pesqueiro con Marrocos que vén de expirar foi “unha fraude absoluta”, non só a nivel de pesca, senón tamén a nivel xurídico, xa que a “propia xustiza da UE o declarou ilegal por afectar augas do Sáhara Occidental sobre as que Marrocos non ten competencias territoriais”.

A CIG insta a negociar xa coa Fronte Polisario un novo protocolo que respecte os intereses e a soberanía do pobo saharauí e permita á flota galega regresar a unhas augas nas cales faenou historicamente.

Fronte ás informacións aparecidas estes días nos medios de comunicación, o responsábel de Mar da CIG, Xabier Aboi, aclara que nos últimos catro anos “nin un só barco galego” pescou na zona delimitada polo acordo.

De feito, dos 135 barcos que podían faenar nesa área 95 correspondían ao Estado español, "pero só traballaron alí, no mellor dos casos, 11 embarcacións de Arrecife, Barbate e Conil e varias destas non chegaron aos 20 días en tres anos, segundo os datos do propio Ministerio".

Por iso, para a CIG, este protocolo pesqueiro “só serviu para pagarlle máis de 55 millóns de euros ao Reino de Marrocos e ofrecerlle facilidades para desenvolver outros negocios como o agrícola -sen ofrecer as garantías sanitarias mínimas exixíbeis- e investimentos de carácter xeopolítico, estratéxico e militar, xustificando que tamén se podía pescar”.

Aboi critica ademais que aos barcos galegos que historicamente pescaban nestas augas do Sáhara "lle deron unha licenza inservíbel porque non podían coller ningunha especie con valor económico (como cefalópodos ou mariscos), unicamente os meteron nunhas augas que facían a licenza inutilizábel".

Reitera que "os únicos que fixeron negocio, aparte do rendemento político e económico obtido por Marrocos, foron os grandes barcos peláxicos do norte de Europea", concretamente Holanda ou os países do Báltico como Lituania ou Letonia. Embarcacións de grandes compañías "que esquilman e extraen todo do mar e que son os únicos que poden pescar alí".

Lavado de cara

O representante da CIG cuestiona os motivos polos que se asinou un acordo "que non pode ser utilizado pola flota". "A quen beneficia o negocio que se fai aquí: a Marrocos nada máis. Serve para lavarlle a cara mentres acaban coa flota galega", asevera.

Pero o máis curioso, conclúe, "é que se houbera licenzas en base ao que determina a xustiza europea, no propio Sáhara negociadas coa Fronte Polisario, habería un montón de barcos galegos que volverían faenar alí".

Comentarios