Xosé Díaz presenta o seu último libro: "A Galiza ten que reivindicar un sistema de financiamento propio"

O economista estivo compañado por Rubén Cela, o presidente da Fundación Galiza Sempre, e por Afonso Ribas Fraga, coordinador da Editorial Laiovento.
O economista Xosé Díaz, esta cuarta feira na libraría Couceiro, en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera O economista Xosé Díaz, esta cuarta feira na libraría Couceiro, en Compostela. (Foto: Arxina).

O economista Xosé Díaz (Ferrol, 1944), que, como deputado, presidiu a Comisión  de Economía do Parlamento da Galiza na V lexislatura, presentou esta cuarta feira na libraría Couceiro, en Compostela, o libro Autogoberno e sistema de financiamento. O papel da nación galega (Laiovento), un volume que recolle as súas análises como un dos máximos expertos no sistema de financiamento, así como na súa relación coa "succión" dos excedentes xerados na Galiza.

Acompañado por Rubén Cela, o presidente da Fundación Galiza Sempre, e por Afonso Ribas Fraga, coordinador da Editorial Laiovento, Díaz afirmou que "o deseño do sistema de financiamento, chamado de réxime común, outorga unha baixa ponderación asignada arbitrariamente a variábeis que afectan moito na Galiza, como a dispersión ou a poboación envellecida, e que teñen un grande efecto no custo das súas competencias".

No acto, organizado pola Agrupación Cultural O Galo e Laiovento, o economista defendeu que "a Galiza ten que reivindicar e traballar para lograr un sistema de financiamento que corresponda á súa condición de nación". "Os sistemas de concerto ou convenio corresponderían coa idea da Galiza como nación, mentres os sistemas de réxime común corresponderían coa idea da Galiza como rexión".

“No Estado conviven dous sistemas de financiamento moi diferentes tanto no cualitativo como no cuantitativo: o sistema de réxime común que afecta 15 das comunidades autónomas e o sistema de concerto en Euskadi e o de convenio en Nafarroa. Mentres o primeiro se limita a unha descentralización basicamente administrativa, o segundo baséase na bilateralidade e nunha relación en pé de igualdade entre as partes”, afirmou.

"Succión de recursos"

Na súa investigación, Díaz revela que a Comunidade de Madrid recada o 49% de todos os impostos do Estado malia só representar o 19,3% do produto interior bruto (PIB), o que provoca unha "succión de recursos" da Galiza. Isto débese, sinalou, "ademais de ao efecto sede [que provoca que moitas empresas que realiza a súa actividade na Galiza tributen alí], á emigración forzada pola falta de competencias que nos permitan dispor dun tecido empresarial, á descapitalización pola actuación do sistema financeiro operante na Galiza ou á exportación da enerxía eléctrica".

Comentarios