Os Estados da UE ven insuficiente o cambio na PAC que propón Bruxelas

As protestas chegan á sede da Comisión Europea.
Protestas agrarias esta segunda feira ante as institucións da UE en Bruxelas (Foto: Nicolas Maeterlink / Belga Press / Contacto).
photo_camera Protestas agrarias esta segunda feira ante as institucións da UE en Bruxelas (Foto: Nicolas Maeterlink / Belga Press / Contacto).

Os Estados da Unión Europea (UE) consideraron que a proposta de Bruxelas de relaxar os requisitos ambientais para acceder a parte do financiamento da Política Agraria Común (PAC) "non é suficiente" e pediron que complete esas medidas "rapidamente" con outras "máis ambiciosas" ante as reclamacións do sector agrogandeiro.

Así o indicou esta segunda feira o ministro de Agricultura de Bélxica, David Clarinval, despois de recibir por parte doutros Estados máis de 500 suxestións para a reforma da PAC que transmitirá á Comisión Europea para a súa consideración. Porén, explicou o belga, "hai que darse conta de que o sector agrario sofre consecuencias de medidas alleas á PAC, polo que moitos Estados pediron analizar tamén outros instrumentos, como é o caso dos acordos comerciais".

O ministro español de Agricultura, Luis Planas, trasladou as súas propias propostas ao representante belga -Bélxica ten a Presidencia de quenda do Consello Europeo-, centrándose na simplificación das cargas administrativas da PAC, na flexibilidade das exixencias ambientais e no aumento dos controis ás importacións que supoñen competencia desleal.

Pola súa parte, o comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski, propuxo substituír os requisitos ambientais da PAC por ecoesquemas de cumprimento voluntario xa que considera que é "mellor incentivar que impor" para garantir o cumprimento dos obxectivos do Pacto Verde. O polaco tamén apoiou unha maior flexibilidade sobre a definición das circunstancias excepcionais das explotacións "para evitar sancións".

Protestas en Bruxelas e Madrid

Todo isto nun contexto no que as protestas agrarias se concentraron esta segunda feira en Bruxelas, onde está a sede do Executivo comunitario. En paralelo, tamén se produciron mobilizacións en Madrid, nas que participaron organizacións galegas como o Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), que foron acompañadas por parte do sector galego do mar.

Comentarios