A entrada de produtos desde outros países lastra o agro galego: fóra de tempada e de peor calidade, mais a menor prezo

A competencia desleal, con prezos baixos e a entrada de produtos transformados desde outros países, dificultan a continuidade das explotacións agrarias galegas. Entidades labregas e expertos analizan esta situación e a falta dunha industria de transformación dos produtos primarios na Galiza.
Explotación gandeira de leite na Comarca do Deza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Explotación gandeira de leite na Comarca do Deza. (Foto: Nós Diario).

A demanda de prezos xustos e o respecto pola produción agraria galega seguen a estar presentes nas reivindicacións do campo galego. Nun mercado cada vez máis homoxéneo, no que ten un peso maior a distribución, as explotacións agrarias enfróntanse, por unha parte, ao problema da chegada de produtos doutros países con importes máis reducidos e, por outra, á falta de iniciativas que transformen e introduzan un valor engadido ao que venden; ao que se engaden os baixos prezos en orixe. 

O leite galego, é o peor pagado do Estado español

O 2023 rematou cun prezo medio de 49,5 céntimos por litro de leite pagado a gandeiras e gandeiros da Galiza. É a cifra máis baixa de todo o Estado español e a única comunidade que non alcanza os 50 céntimos. Así aparece no último informe de prezos publicado polo Ministerio de Agricultura, no que se recolle que o prezo no país queda a case tres céntimos dos 52,1 céntimos de media no Estado. 

Os produtores e produtoras galegas sufriron unha caída no último ano de case 10 céntimos a respecto dos 58,6 céntimos que cobraban ao remate de 2022. Mentres, os produtores con entregas seguen á baixa en 2023, un ano no que se perderon 362 gandeiros lácteos, até quedar nun total de 5.655. Estes rexistros contrastan, porén, coas cifras de produción, pois Galiza segue a ser o piar que sustenta o sector leiteiro estatal. No global de entregas, a Galiza alcanzou os 3 millóns de toneladas de leite o pasado ano, o que representa catro de cada dez litros (41%) do total do Estado. Supón un aumento de 1% comparando co volume de 2022.

Importar o que xa se produce na Galiza

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) o do seu responsábel de produtos agrarios, Gabriel Lópes, explica a Nós Diario que a introdución de produtos de fóra “é un problema estrutural na Galiza, sobre todo na produción vexetal que está pouco desenvolvida en relación coas necesidades alimentarias que ten o país”. Como consecuencia desta situación, considera que se crea “unha dependencia considerábel da importación de produtos vexetais” ao primarse “determinados monocultivos con respecto a outros”. Pon como exemplos, ademais dos hortícolas, os cereais e os tubérculos.

A nivel de competencia, a Fruga salienta o caso da pataca, un produto do que “podemos presumir de capacidade de autoabastecemento e de exportación”. Lópes denuncia que este alimento conta coa competencia de Francia, con excedentes de mala calidade máis baratos e que leva almacenada máis dun ano, mais tamén chega "pataca de África e de Israel”.    

A denuncia da chegada de produtos doutro países parte tamén de Unións Agrarias (UUAA). O seu responsábel de agricultura e gandaría extensiva, Xosé Ramón González, sinala a Nós Diario que nas grandes superficies de alimentación do país "véndese carne que procede de hispanoamérica que non cumpre cos requisitos sanitarios que temos aquí polo que o consumidor non ten garantías sobre a súa seguridade alimentaria". Neste sentido, critica o tratado que se quere asinar cos países membros do Mercosur.  

Mellor transformación

O director da Fundación Juana de Vega, o economista José Manuel Andrade Calvo, entende que hai dous sectores no agro galego que precisan mellorar “na transformación para un maior valor engadido”: o leite e a carne. Sinala a Nós Diario que no primeiro “estase avanzando bastante”, estimando desde a súa entidade que na actualidade na Galiza transfórmase un 63% da produción. No caso da carne, que representa un 34% da produción agraria, o déficit é maior.

Nun recente estudo sobre este último sector, a fundación demandaba “mellorar as axudas á transformación e comercialización dos produtos agrarios galegos” para que se enfoquen “na transformación dos produtos cárnicos galegos, potenciando os elaborados cárnicos (frescos, salgados, curados, conservas e cocidos), promovendo a creación de produtos máis acordes ás necesidades actuais dos consumidores”. Ademais, demanda  apoiar o incremento do tamaño das industrias e, de ser o caso, o estabelecemento de novas industrias” coa intención de xerar valor “que estean orientados á internacionalización”.

Xosé Ramón González introduce outra eiva para a venda dos produtos que relaciona coa tranformación: a distribución en mercados onde non chega. Cre que na cadea de valor "os produtores estamos máis adiantados". Neste sentido, entende que en casos como o que acontece co sector lácteo galego "non somos capaces de darlle o valor engadido que si aproveitan outras zonas do Estado español ou de Europa", asegura, "pola contra vendemos leite envasado sen gañarlle nada", engade.


Produtos de fóra que se venden como galegos

Entre as funcións das diferentes IXP galegas está a de velar para que os produtos agroalimentarios que amparan sexan da zona da Galiza que tratan. Nos últimos anos, entidades que as representan veñen denunciando en varios foros a entrada de produtos de fóra aproveitando a boa imaxe que teñen os galegos e a venda  noutros mercados sen ser do país. Entre os exemplos máis relevantes está o pan que se vende como galego no resto do Estado español, o viño que se vende como “Ribeiro Turbio” prexudicando á Denominación de Orixe Ribeiro ou pemento de Marrocos ou Murcia a granel que se comercializa como oriúndo de Padrón. 

Outro caso semellante é o da augardente. O presidente do organismo regulador, José Antonio Feijóo, recoñece a presenza no país de multinacionais que aproveitan o nome da Galiza para vender bebidas espirituosas. “Hai marcas que afirman que se fai aquí cando en realidade proceden de Andalucía”, sinala.

Comentarios