As pensións contributivas subirán 3,8% en 2024

En 2024 entrará en vigor a revalorización anual das bases máximas e do complemento da fenda de xénero en función do IPC
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)
photo_camera (Foto: Arxina)

As pensións contributivas subirán en 2024 un 3,8% coa fórmula de revalorización recollida na lei de reforma das pensións na que se ten en conta, como referencia para determinar a suba destas prestacións, o IPC interanual medio de doce meses (de decembro do ano anterior a novembro do exercicio en vigor).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta cuarta feira o dato adiantado do IPC de novembro, co que é posíbel anticipar canto se revalorizarán as pensións contributivas en 2024 facendo a media dos doce meses anteriores, neste caso decembro 2022-novembro de 2023.

O cálculo obtido é do 3,76%, porcentaxe que se redondeará a 3,8%, co que as pensións contributivas subirán o vindeiro ano nesa cantidade, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

En todo caso, haberá que esperar a coñecer o dato definitivo do IPC de novembro, que o INE publicará o vindeiro 14 de decembro, para confirmar esta suba das pensións de 2024, aínda que os datos definitivos de IPC apenas adoitan variar, como moito algunha décima.

Segundo o INE, o IPC interanual de novembro situouse en 3,2% de acordo á súa estimación inicial. O IPC interanual dos doce meses anteriores a decembro marca tamén a senda doutras medidas recollidas na última reforma de pensións.

Así, en 2024 entrará en vigor a revalorización anual das bases máximas e do complemento da fenda de xénero en función do IPC. No caso das bases máximas, ao IPC sumaráselle un contía fixa de 1,2 puntos cada ano do período 2024-2050.

Isto supón que, para o ano próximo, a base máxima de cotización subirá ao redor de 5% (3,8% do IPC medio máis 1,2% adicional. Así mesmo, a reforma de pensións determina que o complemento da fenda de xénero (30,4 euros no exercicio actual) subirá 10% adicional no bienio 2024-2025, que se distribuirá entre ambos os exercicios segundo determinen as respectivas Leis de Orzamentos Xerais do Estado.

Até 772.531 galegas e galegas perciben unha pensión media de 1.022 euros ao mes. Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións -recollidos por provincias-, en agosto recibiron algún tipo de pensión contributiva 304.376 residentes na Coruña, 111.365 residentes en Lugo, 106.930 en Ourense e 247.500 en Pontevedra.

A poboación pensionista da Galiza é un colectivo moi vulnerábel. Segundo se recolle no último informe da Rede europea contra a pobreza (EAPN), 196.416 pensionistas galegos atópanse en situación de pobreza severa, percibindo 4.949 pensións de incapacidade permanente, 75.348 de xubilación, 15.711 de orfandade e 13.345 de viuvez. 

Comentarios