O prezo do gasóleo incrementou máis de 10% no que vai de verán

A gasolina consolida o seu custo máximo de 2023.
Unha persoa repostando nunha gasolineira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Unha persoa nunha gasolineira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O prezo medio dos carburantes encadeou a súa sexta semana consecutiva de subas. O diésel acumula xa un encarecemento de 10,3% no que vai de verán, mentres que o custo da gasolina consolidouse nos seus niveis máximos no que vai de 2023. 

Esta nova suba rexistrouse nunha semana que coincidiu coa operación especial pola ponte de agosto, na que se estima que se deron o maior número de desprazamentos por estrada de todo o ano na Galiza.

A gasolina encareceuse esta semana 0,71% con respecto a hai sete días, para situarse nos 1,692 euros por litro, o seu valor máis alto desde finais de novembro, aínda que entón estaba vixente a subvención de 20 céntimos por litro implantada polo Executivo do Estado. 

Ademais, este nivel de 1,692 euros por litro alcánzase tras rexistrar un incremento de 6,28% desde os niveis dos prezos rexistrados a principios de xullo.

Pola súa parte, o prezo medio do diésel tamén encadeou a súa sexta semana consecutiva de subas (+2,19%) para alcanzar os 1,586 euros por litro, un nivel que non marcaba desde mediados do pasado mes de marzo, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. 

Desde inicios do pasado mes de xullo, cando arrincou esta nova espiral alcista nos prezos dos carburantes, o prezo medio do litro de gasóleo acumula un encarecemento de 10,3%.

Con estas novas repuntas, o prezo de ambos os carburantes consolídase amplamente por encima dos niveis aos que ascendían antes do estalido da guerra de Ucraína pola invasión rusa (que comezou o 24 de febreiro de 2022) e que, no caso do diésel, era de 1,479 euros por litro, e no caso da gasolina, marcaba 1,594 euros por litro. 

Con todo, ambos os carburantes mantéñense lonxe dos máximos que tocaron fai máis dun ano, cando os dous combustíbeis superaron a barreira dos 2,1 euros por litro.

Neste contexto, esta quinta feira o barril de Brent, de referencia en Europa, cotizaba a 83,77 dólares, mentres que o Texas americano intercámbiase a 79,69 dólares.

Comentarios