Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas: “O encaixe de Camariñas é artesanía e tradición pero tamén modernidade e vangarda”

Camariñas acolle a súa tradicional Mostra de Encaixe desde a cuarta feira de 27 de marzo até o domingo 31 cun programa cargado de actos. Nós Diario, conversa coa alcaldesa da localidade, Sandra Insua, que explica os eixos da actual edición do encontro
Alcaldesa Camariñas
photo_camera Sonia Insua, alcaldesa de Camariñas. (Foto: Nós Diario).

-A Mostra de Camariñas pasou de ser un encontro de artesanía a un encontro de moda, como conseguiron dar ese salto?

Con moito esforzo. É froito do traballo levado a cabo durante estes 33 anos de Mostra do Encaixe, paso a paso, sendo sempre conscientes do potencial que ten o encaixe de Camariñas. Un produto tecido polas milagrosas mans das palilleiras que é artesanía e tradición pero que agora tamén é sinónimo de modernidade e vangarda.

-Falaba de modernidade e vangarda, iso é o que poderemos ver nesta nova edición da Mostra do Encaixe?

Efectivamente, e moito máis. A Mostra é un evento inmenso. Aquí hai cultura, gastronomía, moda, artesanía, tradición, innovación. Todo xunto nun mesmo espazo durante cinco días. Penso que en poucos lugares ocorre iso e cremos que merece ser recoñecido.

Na inauguración falou de que están a traballar para conseguir o título de interese turístico nacional. Si, niso levamos uns anos. Sabemos que non é fácil pero creo que temos todos os argumentos necesarios para conseguilo. A Mostra e o encaixe son coñecidos en todo o mundo. Sabemos que moita xente coñece Camariñas polo encaixe e iso é o maior argumento que se pode dar. Ogallá sexa máis pronto que tarde, penso que o merecemos.

-Un evento da magnitude deste, require moito traballo de organización, como é a súa preparación?

O departamento da Mostra é certo que traballa arreo durante os cinco días do evento pero a súa labor esténdese durante todo o ano. Os meses previos á Semana Santa enfócanse na Mostra, si, pero o resto traballan para promocionar e internacionalizar o encaixe. Por exemplo, este ano fixemos unha colaboración con Zara Home para comercializar dous sets de toallas con encaixe. Este tipo de acordos para nós son moi importantes porque nos permiten levar o encaixe a todos os fogares e a todos os recunchos do mundo.

-E, por último, cales son as principais novidades da mostra neste encontro de 2024?

Este ano estreamos un novo desfile, o ReEncaixame, que pretende pór en valor a versatilidade do encaixe, demostrando que é un elemento de calidade e tamén duradeiro, que pode ser reutilizado e ter unha nova vida. E tamén abrimos un novo espazo na Mostra, o Gourmet entre Encaixes, unha aposta polos produtos galegos, polo noso. En definitiva, a esencia do que é a Mostra.

Comentarios