Xan Pouliquen: "A Xunta prioriza as axudas ás gandarías intensivas"

O Grupo Operativo Carne de Vacún a Pasto leva máis dun ano investigando a influencia do aproveitamento dos recursos propios nas explotacións gandeiras e a posibilidade de desenvolver prácticas sostíbeis aumentando os beneficios das granxas. 'Nós Diario' conversa co coordinador do grupo, Xan Pouliquen.
O coordinador de Carne de Vacún a Pasto, Xan Pouliquen (Foto: Nós Diario).
photo_camera O coordinador de Carne de Vacún a Pasto, Xan Pouliquen (Foto: Nós Diario).

—Cal é o cometido para o que decidiron crear o Grupo Operativo Carne de Vacún a Pasto?
Queremos investigar e promover a produción de carne co mínimo de penso e coa maior rendibilidade posíbel. Contamos coa axuda do Departamento de Economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), especificamente do Grupo de Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrosoc). Ademais, participa un gabinete de asesoramento agrario chamado Celtia Agroenxeñaría, a cooperativa agraria Almoga, así como dous produtores de carne. Eu son o coordinador e teño unha empresa de asesorament0 chamada Xestión Agrograndeira e Natureza.

Levamos un ano e dous meses de percorrido e xa tivemos oportunidade de facer algunhas xornadas e algunha publicación de resultados do grupo de xestión, un dos apartados importantes de traballo, centrado nos custos de produción e a súa relación coa rendibilidade das granxas. 

—Hai moitas diferenzas de rendibilidade entre as granxas?
Si. É terríbel. Hai unha diferenza enorme de rendibilidade entre granxas, e iso deriva en malos resultados para o país. Hai unha falta de criterio técnico importante, por un lado, e polo outro hai unha falta de coñecemento tamén, que fai que haxa xente que saca moi poucos beneficios e xente que obtén algo máis. 

Os extremos son moi grandes. Contando as subvencións (mais descontando todos os gastos, incluída a man de obra e as amortizacións), hai explotacións que gañan entre 100 e 200 euros por cada animal vendido (falamos dun animal medio de nove meses) e hai outras que superan os 1.000 euros. As cifras cambian ao descontar as subvencións, hai xente que perde 500 euros e outra que gaña unha media de entre 300 e 400 euros por animal.

Esa diferenza tan brutal, que moita xente non cre no sector, deriva dos resultados da nosa investigación, hai que intentar explicar os motivos e traballar sobre ela para que todo o mundo sexa quen de chegar a niveis máis altos de rendibilidade.

—Hai un impulso desde a Xunta da Galiza para que aumente a rendibilidade das explotacións?
Se entendemos que conceder este proxecto é un movemento da Administración neste sentido, pois si. Agora, que vaia moito máis alá desta cuestión, non, pois non vexo que se traballe moito cos produtores e as produtoras de carne, e de feito é unha das reflexións que nos fan, que non existe un apoio desde un punto de vista técnico.

—E falando de prácticas sostíbeis, hai incentivos desde as Administracións para que as explotacións as desenvolvan?
A nivel da Administración da Unión Europea (UE) e do Estado si, mais a nivel galego non o teño tan claro. Non vexo que se estean desenvolvendo apoios específicos, é máis, os apoios nos plans de mellora benefician fundamentalmente as liñas nas que hai gandarías máis intensivas. 

No caso da carne tivemos reducións de financiamento e no caso concreto da produción ecolóxica sufrimos o abandono dunha subvención o ano pasado, e neste temos tamén unha proposta de limitación. Ademais existe un problema de compatibilidade entre as axudas por ataques do lobo e as de produción ecolóxica. Estes feitos indican que a Xunta da Galiza non parece estar moi a prol dunha produción menos intensiva, dentro das cales está o exemplo da produción de carne. 

A orientación técnica nos últimos tempos foi realmente orientada a aspectos comerciais, mirando pouco a rendibilidade a nivel de granxa, o que deu lugar a técnicas produtivas que tal vez non son as máis beneficiosas para as explotacións gandeiras.

Estudo do beneficio da base territorial

Xan Pouliquen é o coordinador do Grupo Operativo Carne de Vacún a Pasto, que ten como obxectivo estudar e cuantificar a influencia do emprego dunha maior base territorial nas explotacións gandeiras, é dicir, a posibilidade de aumentar os beneficios facendo un maior uso de pastos e forraxes propios e reducindo a dependencia de pensos concentrados. 

"A nosa hipótese é que si é posíbel, mais que hai que saber como facelo", explica. "Cremos que a gandaría extensiva é unha actividade rendíbel e que a sostibilidade ecolóxica e a económica van da man, que é perfectamente viábel traballar con menos insumos e cun mellor manexo ambiental e gañar máis cartos", sinala. "Mais isto non significa que sexa así independentemente do coñecemento técnico e do tipo de xestión, e esas son as preguntas que queremos contestar", conclúe Pouliquen. 

Comentarios