As apagadas eléctricas marcan o referendo no Ecuador que limitaría dereitos laborais

11 preguntas que afectarían á extradición ou permitirían que os militares asumisen competencias das forzas de seguridade.
O presidente do Ecuador, o conservador Daniel Noboa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente do Ecuador, o conservador Daniel Noboa. (Foto: Nós Diario)

Case 11 millóns de persoas están convocadas o domingo ás urnas no Ecuador nun referendo impulsado polo presidente conservador Daniel Noboa, que inclúe 11 preguntas, entre elas algunhas con reformas á Constitución, e cuxo fracaso pode determinar o ano que lle resta de mandato presidencial.

Entre as propostas de Noboa están legalizar o traballo por horas, prohibido desde 2008, cando o progresista Rafael Correa ocupaba a Presidencia, ou que o Estado fixe que a arbitraxe internacional será o estándar para solucionar calquera cuestión referente a investimentos ou comercio, o que beneficia as empresas estranxeiras e multinacionais. Tamén busca o aval para permitir a extradición de nacionais e que os militares poidan asumir funcións da Policía.

A quinta e a sexta feira foron declarados festivos no país no medio dunha grave crise enerxética que derivou en apagadas constantes, con cortes de electricidade de até 13 horas, unha situación á que reaccionou Noboa denunciando a xa ex ministra de Enerxía e Minas e 21 persoas funcionarias por traizón á patria e paralizar servizos públicos.

Comentarios