Yeghishe Kirakosyan, representante armenio na audiencia que enfronta o Estado caucásico contra Acerbaixán na Corte Internacional de Xustiza, o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), denunciou a terza feira que este último país “completou” en setembro de 2023 a súa limpeza étnica contra a poboación da autoproclamada e xa disolvida República de Artsakh.
Este territorio contaba cunha maioría de poboación armenia mais estaba englobado nas fronteiras internacionalmente recoñecidas de Acerbaixán.
O “ataque [acerbaixano] non provocado” matou “centos e obrigou máis de 100.000 persoas de etnia armenia a fuxir dos seus fogares” logo de “matar de fame” a poboación “durante nove meses bloqueando” a principal vía de acceso ao territorio desde Armenia, remarcou Kirakosyan.
Políticas de odio
Nese sentido, incidiu en que agora Acerbaixán busca consolidar a limpeza étnica “borrando sistematicamente todo rastro de presenza armenia, incluído o patrimonio cultural e relixioso”, culminando “décadas” de “políticas de odio estatais” contra as persoas armenias.
O caso deriva dunha demanda armenia en 2021 na que instou o tribunal a impor medidas provisorias contra Acerbaixán por incitar ao odio contra estas persoas, violando a Convención internacional sobre a eliminación de todas as formas de discriminación racial.
Acerbaixán reclama desestimar a demanda
Un día antes, Elnur Mammadov, representante de Acerbaixán na audiencia, solicitou que a denuncia armenia fose desestimada, aludindo a que Armenia non impulsou negociacións previas á demanda e que “varios elementos” dela “fican fóra da competencia material do tribunal”.