O BNG reclama o "incremento" da presión internacional sobre Israel para alcanzar o "alto ao fogo" en Gaza

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, manifestou, desde o paso fronteirizo entre Gaza e Israel de Rafah, que "exixirá" esta terza feira ante o Parlamento Europeo en Estrasburgo a entrada de axuda humanitaria na Franxa

Interior do centro loxístico con material destinado a Gaza retido por Israel (Foto: Nós Diario).
photo_camera Interior do centro loxístico con material destinado a Gaza retido por Israel (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desprazouse esta fin de semana ao paso fronteirizo, entre Gaza e Israel, de Rafah para denunciar o "xenocidio" do pobo palestino a mans do Goberno de Israel e para reclamar á comunidade internacional que "incremente a presión", coa finalidade de conseguir un "alto ao fogo inmediato".

"Israel está a boicotear a axuda humanitaria internacional no paso de Rafah. Está a impedir que entre leite para moitos bebés, que entren subministracións eléctricas, comida, material de hixiene e, sobre todo, medicamentos para salvar vidas", relatou Miranda segundo o que puido observar nesta expedición conxunta coa eurodeputada de Podemos Idolia Villanueva e o eurodeputado de Anticapitalistas, Miguel Urbán.

Visita ao centro loxístico

Así mesmo, Miranda compartiu un vídeo desde o centro loxístico de recollida e distribución de axuda humanitaria internacional en Rafah no que mostra algunhas das doazóns "rexeitadas" por Israel como medicación procedente de Brasil, xeradores eléctricos de Tunisia ou material de oxíxeno.

Tal como indica a eurodeputada, Israel "considera" que estes materiais son de "dobre uso" e oponse "á entregar esta axuda humanitaria, esta acción”, segundo Miranda, é "un ataque á poboación civil".

Da mesma maneira manifestou que "exixirá" a entrada de axuda humanitaria na Franxa esta terza feira ante o Parlamento Europeo en Estrasburgo, onde se celebrará un debate co Alto Representante da Unión Europea (UE) para a Política Exterior, Josep Borrell, sobre a situación en Gaza e na que se discutirá a orde da Corte Internacional de Xustiza sobre a crise na Franxa.

Retirada de fondos

O Parlamento Europeo tamén tratará a retirada de fondos á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) tras as acusacións de Israel contra unha decena de traballadores.

Estas acusacións son, segundo a eurodeputada do BNG, unha "estratexia sen probas", dado que Unrwa "dá apoio a cinco millóns de palestinos rexistrados en Oriente Medio e dá refuxio a un millón de persoas desprazadas en Gaza".

Comentarios