A Corte Suprema dos EUA avala a participación electoral de Trump

Haley logra a súa primeira vitoria nas primarias.

O ex presidente Donald Trump. (Foto: Laura Brett / Europa Press / Contacto)
photo_camera O ex presidente Donald Trump. (Foto: Laura Brett / Europa Press / Contacto)

Apenas 24 horas antes de que máis dunha ducia de Estados estadounidenses voten nas súas primarias, a Corte Suprema acabou a segunda feira cos intentos de varios territorios de vetar a participación de Trump tanto nas primarias como nas eleccións presidenciais de novembro aludindo a súa implicación na tentativa de golpe de Estado a inicios de 2021 no Capitolio.

Colorado, Illinois e Maine aprobaran prohibir a presenza de Trump nas papeletas, ao tempo que varias demandas nese sentido ao longo dos Estados Unidos estaban activas á espera da decisión do alto tribunal.

O veredicto sinala que as autoridades estatais teñen competencias para inhabilitar candidaturas por insurrección de tratarse de eleccións a cargos estatais, mais non para vetar candidaturas federais, “especialmente” no que atinxe á Presidencia, e estabelece que o Congreso é o responsábel de proceder coa inhabilitación nestes casos.

Tres membros progresistas da Corte transmitiron que están en contra de que só o lexislativo federal poida dar este paso, mais aceptando que manter a exclusión ditada por Colorado, cuxo recurso levou a causa ao tribunal, crearía un “complexo caos Estado por Estado”.

En todo caso, a axencia AP incide en que “non está claro” se o Congreso poder negarse a certificar unha vitoria electoral de Trump se considera que participou nunha insurrección, o que dependería sexa como for da composición do Parlamento, que tamén se votará en paralelo ás presidenciais.

Unha vez resolto o litixio, a candidatura de Trump depende xa en exclusiva das e dos seguidores do Partido Republicano, que lle deron a vitoria a fin de semana nas asembleas de electores de Idaho, Missouri e Michigan, onde tamén se impuxo nas primarias.

Porén, padeceu a súa primeira derrota nas votacións en Washington D.C., nas que venceu a ex embaixadora na Organización das Nacións Unidas (ONU) Nikki Haley con 63% dos apoios. De forma previsíbel, Trump enfrontarase nas eleccións ao actual mandatario, o demócrata Joe Biden, como acontecera en 2020.

Dúbidas sobre a idade

Aínda que Biden trata de loitar para que as dúbidas sobre a súa capacidade mental, recollidas nun informe xudicial, non inflúan no seu desempeño electoral, esta situación tamén afecta a Trump, revelou unha enquisa difundida onte, que eleva a 63% da poboación a cifra de persoas que cuestionan a capacidade mental do presidente de 81 anos. Así e todo, 57% fan o mesmo con Trump, de 77 anos.

Comentarios