Os glaciares do Perú e Colombia, en risco extremo polo cambio climático: perden máis da metade do xeo

A COP28 comeza o 30 de novembro en Dubai.
Glaciar Quelccaya, localizado no sueste do territorio peruano. (Foto: Byrd Polar and Climate Research Center)
photo_camera Glaciar Quelccaya, localizado no sueste do territorio peruano. (Foto: Byrd Polar and Climate Research Center)

Entre 2016 e 2020, 175 glaciares desapareceron no Perú por mor do cambio climático, afirmou o Instituto Nacional de Investigación de Glaciares e Ecosistemas de Montaña en declaracións recollidas pola axencia AP na madrugada de hoxe. Unha funcionaria da institución, Mayra Mejía, informou de que a cobertura glaciar que tiña o territorio en 1962 diminuíu até 56,22%.

No que atinxe a Colombia, “quédanlle seis glaciares tropicais divididos en catro volcáns e dúas serras nevadas”, denunciou Marcela Fernández, fundadora da entidade non gobernamental Cimeiras Brancas, publicou hoxe a canle France24.

Desde 1950, oito glaciares desapareceron no país e 70% da superficie de xeo perdeuse, indican os datos do Instituto de Hidroloxía, Meteoroloxía e Estudos Ambientais, que responsabiliza o aumento da temperatura global.

Estes datos fixéronse públicos poucos días antes do comezo da COP28, a 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas sobre a mudanza climática, que se estenderá do 30 de novembro ao 12 de decembro en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos.

Comentarios