O magnate e conservador Daniel Noboa gaña as eleccións presidenciais no Ecuador

Segundo os datos do Consello Nacional Electoral (CNE), con 94,14 % das actas procesadas válidas, Noboa alcanzou 52,12 % dos votos (5.024.854); mentres Luisa González, do movemento Revolución Cidadá (RC), conseguiu 47,88 % (4.615.492).
O novo presidente do Ecuador, Daniel Noboa (Foto: Europa Press / Contacto / Alejandro Baque).
photo_camera O novo presidente do Ecuador, Daniel Noboa (Foto: Europa Press / Contacto / Alejandro Baque).

Os resultados do reconto das eleccións presidenciais do Ecuador dan como vencedor o rico herdeiro Daniel Noboa, de 35 anos, candidato da alianza Acción Democrática Nacional (ADN).

Segundo os datos do Consello Nacional Electoral (CNE), con 94,14 % das actas procesadas válidas, Noboa alcanza 52,12 % dos votos (5.024.854); mentres Luisa González, do movemento Revolución Cidadá (RC), consegue 47,88 % (4.615.492).

"Virtualmente o Ecuador ten como presidente a Daniel Noboa Azín", dixo, en conferencia de prensa, ofrecida tras superar o 90 % das actas contabilizadas, a presidenta do CNE, Diana Atamaint.

Noboa convértese así no presidente máis novo do país, despois de Juan José Flores, o primeiro mandatario da República do Ecuador, en 1830, que asumiu o cargo antes de cumprir os 30 anos.

Ademais, conseguiu o cargo que o seu pai, Álvaro Noboa, buscou en cinco oportunidades (1998, 2002, 2006, 2009 e 2013) sen éxito.

"Fixemos historia"

"Hoxe fixemos historia, as familias ecuatorianas elixiron o novo Ecuador, elixiron un país con seguridade e emprego. Imos por un país de realidades onde as promesas non queden en campaña e a corrupción se castigue. Grazas Ecuador", foi a primeira mensaxe do mandatario electo na súa conta na rede social X (antes Twitter).

Así mesmo, nun breve discurso desde Olón, na provincia de Santa Elena, onde agardou polos resultados dos comicios, Noboa sinalou que o seu proxecto político busca "devolverlle un sorriso ao país".

Engadiu que este domingo se fechou "un capítulo de campaña" e que desde mañá mesmo comezan a "traballar por ese novo Ecuador" e "reconstruír un país que foi gravemente golpeado pola violencia, pola corrupción e polo odio".

Noboa agradeceu González por facer "unha campaña moi boa". "Creo que os seus esforzos nalgún momento van dar froitos, e véxoa como unha figura política que ten aínda moito camiño por andar", expresou cara á candidata da RC.

O seu perfil

Daniel Roy-Gilchrist Noboa Azín, con 35 anos, ten a idade mínima permitida para candidatearse a presidente no Ecuador. Naceu o 30 de novembro de 1987 en Guayaquil.

Estudou Administración de Negocios na Escola de Negocios Stern da Universidade de Nova York (NYU Stern School of Business), tamén obtivo o titulo de Administración Publica en Harvard Kennedy School.

Actualmente está casado con Lavinia Valbonesi e ten dous fillos. O seu pai, Alvarito (como se lle coñece no país), é considerado unha das persoas máis ricas do Ecuador (cunha fortuna que supera a barreira dos 1.000 millóns de dólares) e está á fronte da súa corporación homónima, que inclúe negocios de plátano, transporte marítimo ou bens raíces, entre outros.

Comentarios