VÍDEO | Millares de persoas participan na "Terceira toma de Lima" para protestar contra o Goberno de Dina Boluarte

Efectivos da Policía Nacional do Perú (PNP) lanzaron bombas lacrimóxenas contra uns 3.000 manifestantes na cidade de Huancavelica.
Millares de persoas participaron na "terceira toma de Lima" no Perú esta cuarta feira (Foto:Europa Press / Contacto / Carlos Garcia Granthon).
photo_camera Millares de persoas participaron na "terceira toma de Lima" no Perú esta cuarta feira (Foto:Europa Press / Contacto / Carlos Garcia Granthon).

Como parte da denominada "Terceira Toma de Lima", na madrugada desta cuarta feira tiveron lugar en diversas rexións do Perú manifestacións, bloqueos das estradas e algúns enfrontamentos, en protestas contra o Goberno da designada presidenta Dina Boluarte e o Congreso da República.

En Lima (capital) tiveron lugar as concentracións máis concorridas e os manifestantes xa chegaron aos exteriores do Congreso, onde a Policía dispara gases lacrimóxenos para dispersar os manifestantes. Previamente, reportáronse enfrontamentos na avenida Abancay co lanzamento de pedras, paus e fogos artificiais.

A Superintendencia de Transporte Terrestre de Persoas, Carga e Mercadorías (Sutran) confirmou que unhas sete estradas en todo o Perú se atopan bloqueadas polas protestas. As vías interrompidas pertencen aos departamentos de Lima (centro), Loreto (norte) e La Libertad (norte), así como Ayacucho (sur) e Huancavelica (sur).

Precisamente, medios de prensa reportan que efectivos da Policía Nacional do Perú (PNP) lanzaron bombas lacrimóxenas contra uns 3.000 manifestantes na cidade de Huancavelica. Coñeceuse que os activistas responderon co lanzamento de pedras ou devolvían as bombas lacrimóxenas usadas polas forzas policiais.

Antes de que se iniciase a represión, os manifestantes coreaban consignas como "O pobo unido xamais será vencido" e "Nin un paso atrás, até a vitoria". O enfrontamento iniciouse cando algúns activistas incendiaron a porta da Prefectura Rexional de Huancavelica, onde comezou a violencia.

A ex parlamentaria Indira Huilca denunciou a situación: "A Policía está a atacar unha concentración pacífica na praza de Huancavelica, hai mulleres e homes con bandeiriñas do Perú".

Mobilización permanente

Como consecuencia do ocorrido, dirixentes huancavelicanos declararon a rexión en mobilización permanente. Os comerciantes paralizaron os seus traballos e o campus da cidade universitaria de Paturpampa permanece fechado.

Autoridades peruanas só confirmaron un detido nos enfrontamentos en Huancavelica, sen precisar o motivo. A Defensoría do Pobo rexeitou as accións violentas. "Facemos un chamado á calma á cidadanía. A violencia só deslexitima o dereito á protesta", aseverou a entidade por medio da rede social Twitter.

Pola súa parte, o titular do Consello de Ministros, Alberto Otárola, cualificou o sucedido nesa cidade como "feitos complicados que foron controlados pola policía".

Comentarios