Entrevista

Montserrat Fornells (ERC): "É posíbel exercer o dereito de autodeterminación na UE"

Montserrat Fornells Solé (Vilanova de l'Aguda, 1983) é alcaldesa de Vilanova de l'Aguda, vicepresidenta da Asociación de Municipios pola Independencia (AMI) e deputada de ERC no Parlament de Catalunya. O vindeiro sábado participará nun congreso de Vía Galega en Santiago de Compostela para debater sobre o dereito de autodeterminación na Unión Europea (UE).

Montserrat Fornells estará o vindeiro sábado en Compostela. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Montserrat Fornells estará o vindeiro sábado en Compostela. (Foto: Nós Diario).

—O nacionalismo catalán vén  rexistrar unha baixada electoral nos comicios de 23 de xullo a impulsar a pasada segunda feira unha Diada masiva, en que momento se atopa o nacionalismo catalán?
 O independentismo en Catalunya atópase nun momento de acumulación de forzas para levar adiante a loita pola autodeterminación do noso pobo. Evidentemente baixamos en voto nas eleccións de 23 de xullo e reducise a nosa representación no Congreso dos  Deputados, pero coa nosa forza somos máis decisivos que na anterior lexislatura e agora toca traballar pola unidade estratéxica do movemento independentista.

—O vindeiro sábado participa nun congreso en Santiago de Compostela organizado por Vía Galega coincidindo co 90 aniversario do recoñecemento da Galiza como nación. Nesa xornada, vai estar acompañada de representantes do nacionalismo galego e vasco, como cree que debe ser a relación entre as forzas nacionalistas do Estado?
 Entendo que  a chave ten que ser que haxa cooperación entre as forzas independentistas da Galiza, Catalunya e Euskal Herria para traballar en común para conseguir o dereito de autodeterminación das nosas nacións.

—A súa intervención do sábado xirará sobre o dereito de autodeterminación no ámbito da Unión Europea, porén a dúbida, mesmo tendo en conta a experiencia catalá, é se a autodeterminación é posíbel no espazo da UE?
Claro que é posíbel exercer o dereito de autodeterminación dentro da Unión Europea. Escocia exerceuno cando o Reino Unido aínda formada parte da Unión Europea, dependendo da vontade do Estado en cuestión é posíbel ou non exercitalo.

Nós estamos tentando negociar para resolver o noso conflito político e para iso é moi importante a unidade estratéxica do movemento independentista, para poder negociar mellor, facelo con máis forza e conseguir a amnistía.

—Falaba agora da amnistía, unha proposta do nacionalismo catalán que está a marcar a axenda política do Estado de cara a investidura do próximo presidente español. Neste sentido, como se concreta a proposta e como entenden a resposta da dereita españolista, que xa ten convocado mobilizacións contra a mesma?
A amnistía é unha liña vermella para a gobernabilidade do Estado. Por iso, neste momento, nós traballamos para que haxa unha lei de amnistía que permita enfrontar a resolución do conflito político catalán e conseguir unha amnistía para todas as persoas represaliadas do noso país. A maiores desta cuestión, que xa dixen é central, outro dos obxectivos que tíñamos marcado para esta lexislatura era conseguir que se puidera falar en catalán, galego e éuscaro no Congreso dos Deputados e lograrámolo.

Comentarios