Puigdemont anunciará o 21 de marzo desde Catalunya Nord se se presenta ás eleccións

Segundo informaron fontes de Junts, o ex president comunicará a súa decisión nunha conferencia ás 19 horas da quinta feira no Concello de Elna, en Catalunya Nord.
O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)

O ex president da Generalitat e eurodeputado de Junts, Carles Puigdemont, anunciará esta quinta feira 21 de marzo se se presenta ás eleccións catalás previstas para o 12 de maio tras o avance electoral declarado polo actual líder do Executivo, Pere Aragonès. Segundo informaron fontes de Junts, o ex president comunicará a súa decisión nunha conferencia ás 19 horas no Concello de Elna, en Catalunya Nord (actualmente situado no departamento francés dos Pirineos Orientais).

Turull aposta por Puigdemont

Neste sentido, o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, augurou este domingo que liderarán un "goberno independentista á fronte da Generalitat" tras as eleccións catalás. En declaracións en Fontanilles (Girona), explicou que os "referentes" de Junts para atopar acordos a próxima lexislatura serán os partidos independentistas, e rexeitou que o seu partido apoie unha eventual investidura do candidato do PSC, Salvador Illa.

Desta maneira, asegurou que non terá os votos de Junts "unha persoa que vén aquí con vocación máis de gobernador civil e que é o 'non' a todo o que representa ambición e máis poder para Catalunya". Ao preguntárselle se Junts apoiaría unha investidura do candidato de Esquerra, Pere Aragonès, Turull respondeu que non se propón este escenario porque Junts será o partido con máis votos, "por encima de ERC".

A canditatura de Junts

Ademais, dixo que esta semana a súa formación fará público quen encabezará a lista, adiantándose á comparecencia que anunciou esta segunda feira Puigdemont. Turull mostrouse partidario de que sexa o ex president e eurodeputado quen concorra ás eleccións como candidato da formación.

"Quen mellor o encarna, sen dúbida, porque o demostrou, porque o acreditou, é o presidente Puigdemont", sinalou. "A decisión debe tomala el, anunciala el", dixo Turull, e tamén afirmou que estes comicios serán “en clave de retorno e non de exilio”. Tamén criticou que "hai un cálculo electoral" e asegurou que o Govern non quixo aprobar os Orzamentos da Generalitat, para poder convocar estas eleccións. "Convertérono nun exercicio de 'Fagamos canto antes as eleccións para ver que é o que máis interesa ao partido, non ao país", reprochou.

Comentarios