A Revolución dos Cravos é a data máis importante da historia de Portugal para dous terzos da cidadanía

Avalado por 13% máis que hai dúas décadas.
Manifestación en lembranza da Revolución dos Cravos de 2022. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación en lembranza da Revolución dos Cravos de 2022. (Foto: Nós Diario)

Até 65% da poboación lusa considera que o 25 de abril de 1974, cando se desenvolveu a Revolución dos Cravos que acabou coa ditadura de extrema dereita, é o “día máis importante da historia” de Portugal, constatou unha enquisa presentada a sexta feira que foi efectuada polo Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa e o Iscte-Instituto Universitário de Lisboa en asociación coa Comissão Comemorativa 50 anos 25 de Abril, o semanario Expresso e a canle SIC.

A pesar do ascenso nas últimas eleccións lexislativas do Chega, a principal forza lusa de ultradereita, os datos indican que esta cifra medrou seis puntos desde a sondaxe realizada hai unha década e 13 desde a que se fixo en 2004.

Mulleres, persoas de máis de 44 anos e con maiores dificultades económicas foron máis propensas a escoller esta data, unha porcentaxe que se reduciu no caso de simpatizantes do conservador Partido Social Democrata (PSD), que lidera o actual Executivo, e o Chega.

Non se fixo xustiza

Asemade, 59% sostivo que os responsábeis políticos do réxime debían ter sido xulgados pola represión na ditadura.

No caso da policía política, en dez anos medrou 19% até 64% o díxito das persoas que consideran que non se fixo xustiza, e apenas unha de cada cinco entrevistadas afirmou que a ditadura tiña “máis cousas positivas que negativas”.

Principais referentes

Desa data, 24% da poboación non sabía ou non quixo responder arredor da figura pública da que primeiro se lembra, mentres que 16% mencionaron o ditador António de Oliveira Salazar, falecido en 1970, e 15% a Fernando José Salgueiro Maia, un dos capitáns que lideraron a Revolución impulsada polo Movimento das Forças Armadas.

Comentarios