O Supremo abre causa penal por unanimidade a Puigdemont por “delitos de terrorismo”

Considera que o ex presidente "animou a seguir as accións violentas que decorreron co seu coñecemento e consentimento"

O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Supremo (TS) acordou por unanimidade declarar a súa competencia e abrir causa para investigar e, no seu caso, axuizar o expresident catalán e eurodeputado de Junts Carles Puigdemont e ao deputado do Parlament catalán Ruben Wagensberg por terrorismo en relación co caso 'Tsunami Democràtic'.

Os maxistrados, en contra do criterio da tenente fiscal do Supremo, ven "necesario e pertinente" que Puigdemont e Wagensberg sexan "chamados ao procedemento" no Supremo "a fin de ser oídos como investigados con todos os dereitos e garantías previstas no noso ordenamento xurídico".

Nun auto, recollido pola axencia Europa Press, explican que esta é unha dilixencia que a Audiencia Nacional ‑órgano que estivo até o de agora a cargo da investigación‑ non podería realizar porque só o alto tribunal é competente para interrogar aforados, como é o caso de ambos os dirixentes pola súa condición de eurodeputado e de deputado do Parlament.

O Supremo adopta esta decisión despois de analizar a exposición razoada que presentou o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló. O instrutor acudiu ao alto tribunal ao entender que se acreditaba a participación de Puigdemont e Wagensberg nos feitos que se investigan na causa de 'Tsunami Democràtic'.

Ao fío da súa decisión de asumir a investigación de Puigdemont e Wagensberg, a Sala do Penal designa como instrutora conforme á quenda estabelecida á maxistrada Susana Polo. Á marxe, declara a súa falta de competencia para investigar e xulgar as outras dez persoas investigadas que non son aforadas. Conclúe que non existe unha "unidade inescindíbel de comportamento" que permita ao Supremo aceptar a competencia respecto a as persoas non aforadas.

O “terrorismo nas rúas”

Sobre os delitos para investigar, os maxistrados indican que "non debe albergarse dúbida algunha" de que os feitos que se imputan a 'Tsunami Democràtic' “incardínanse no delito de terrorismo”. Ao fío, recollen polo menos unha decena de sentenzas de “terrorismo nas rúas” que consolida a súa doutrina sobre este delito.

Neste sentido, explica que para acreditar o delito de “terrorismo nas rúas” exíxese que se execute algunha das seguintes finalidades: subverter a orde constitucional, alterar gravemente a paz pública, desestabilizar gravemente o funcionamento dunha organización internacional ou provocar un estado de terror na poboación ou nunha parte dela.

Para o tribunal, as condutas analizadas neste caso encaixan na devandita descrición. "Cometéronse polos integrantes do movemento 'Tsunami Democràtic' os delitos graves contra a liberdade, integridade física, de atentados, falsidades documentais, o patrimonio e outros que xa foron recollidos no apartado primeiro deste escrito", subliña.

Respecto a Puigdemont e Wagensberg e os delitos de terrorismo, o Supremo explica que "non é necesario que o autor pertenza ou forme parte dunha organización ou grupo terrorista, ou actúe de maneira asociada ou organizada, de modo que calquera persoa que execute, aínda que sexa individualmente, ou ben colectivamente, algunha das accións previstas coas finalidades expresadas no precepto, será autor ou partícipe dun delito de terrorismo".

Comentarios