Xustiza

Un xulgado de Murcia incoa dilixencias por 13 homicidios imprudentes após o tráxico incendio

As discotecas La Fonda e Teatre carecían de licenza de actividade desde o pasado ano e, a pesar diso, seguiron organizando festas e promocionándoas a través das redes sociais. Desde o Concello tampouco executaron a orde de cesamento de actividade que decretara o propio consistorio.
Discotecas Golden, Teatre e La Fonda, en Murcia. (Foto: Javier Carrión / Europa Press)
photo_camera Discotecas Golden, Teatre e La Fonda, en Murcia. (Foto: Javier Carrión / Europa Press)

O xulgado de Instrución número 3 de Murcia asumiu as dilixencias abertas por 13 delitos de homicidio imprudente no tráxico incendio da madrugada do pasado domingo na zona de lecer nocturno de Atalaias, na cidade de Murcia, o pasado 1 de outubro. A titular deste órgano será a que dirixa a investigación para o esclarecemento dos feitos e depuración, no seu caso, de eventuais responsabilidades penais. As primeiras dilixencias foron practicadas polo xulgado de Instrución número 7, en funcións de garda, cuxa comisión xudicial desprazada procedeu ao levantamento dos 13 cadáveres recuperados polo Corpo de Bombeiros de Murcia das instalacións afectadas polo fogo, o mesmo domingo.

Actualmente, estase á espera de que se completen os labores de identificación, unha vez concluída a autopsia polos médicos forenses do Instituto de Medicina Legal da Rexión de Murcia, co fin de informar o xulgado sobre as causas e circunstancias das mortes. O xulgado, ademais dos catro equipos médicos forenses destinados nos institutos de Medicina Legal, conta para a obtención destes resultados coa asistencia do Instituto Nacional de Toxicoloxía Ciencias Forenses e a Comisaría Xeral de Policía Científica.

Ao longo desta segunda feira os equipos médico-forenses completaban as autopsias, solicitando os datos necesarios para a identificación e determinación das causas e circunstancias da morte, e procedían á obtención de mostras para a realización de análises complementarias. Este labor comprende, alén do exame externo, un estudo radiolóxico, co fin de obter datos identificativos, tales como malformacións conxénitas e ou calquera achado que contribúa a estabelecer a causa da morte, e exame interno, se for preciso.

Neste caso tamén se tomaron mostras de sangue para determinar a posíbel existencia de tóxicos como a carboxihemoglobina, un composto resultante da unión da hemoglobina co monóxido de carbono que impide a achega de oxíxeno á célula. As mostras para a obtención de perfís xenéticos (AND) foron remitidas ao Laboratorio da Comisaría Xeral na tarde desta segunda feira polos membros da Policía Científica, xunto ás recollidas de familiares e achegados, para a súa identificación.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, Miguel Pasqual del Riquelme, quixo recoñecer persoalmente o esforzo realizado e a dilixencia coa que están a desenvolver o seu traballo tanto os equipos forenses e psicólogos do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses (IMLCF) de Murcia como as autoridades xudiciais e funcionarios dos xulgados. O Instituto de Medicina Legal contou coa colaboración do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Reina Sofía, que cedeu parte dos seus equipos e instalacións, o que axilizou moito os traballos, como explicaba o seu director, Juan Pedro Hernández del Recuncho, agradecendo a súa axuda ao equipo.

O xulgado de Instrución número 3, competente para a investigación, mantén o segredo de sumario decretado das dilixencias abertas para o esclarecemento do sinistro, e está á espera de recibir a autopsia preliminar, unha vez plenamente identificados os 13 falecidos, para facer a súa entrega ás familias e librar as licenzas de enterramento.

Sen licenza

Esta mesma segunda feira transcendeu que as discotecas La Fonda e Teatre carecían de licenza de actividade desde o pasado ano e, a pesar diso, seguiron organizando festas e promocionándoas a través das redes sociais. En xaneiro de 2022 ordenouse o cesamento de Teatre, único local existente a nivel burocrático, decisión á que se presentou un recurso que foi desestimado en marzo dese ano. E xa en outubro requiriuse a execución do cesamento da actividade.

Porén, resulta evidente que non se chegou a executar, polo que agora as miradas apuntan tamén o Concello de Murcia, que non ofreceu aínda as explicacións oportunas sobre a actividade que non cesou durante máis dun ano nestas discotecas.

Comentarios