Xustiza

Un xulgado de Madrid imputa o noivo de Ayuso por fraude fiscal e falsidade documental

A investigación céntrase nos supostos indicios delituosos sobre feitos relativos ao Imposto de Sociedades correspondentes aos exercicios dos anos 2020 e 2021 e dun presunto delito de falsidade en documento mercantil.
presidenta-comunitat-madrid-isabel-diaz-ayuso-amb-parella-alberto-gonzalez-a-madcool_1_630x630
photo_camera González Amador e Díaz Ayuso (Foto: Europa Press)

O Xulgado de Instrución nº 19 de Madrid incoou dilixencias previas por dous presuntos delitos de fraude fiscal e un presunto delito de falsidade en documento mercantil contra Alberto González Amador, parella da presidenta de Madrid Isabel Díaz Ayuso, e outras catro persoas, após a denuncia formulada polo Ministerio Fiscal, recaída neste órgano xudicial por quenda de repartición.

A investigación céntrase nos supostos indicios delituosos sobre feitos relativos ao Imposto de Sociedades correspondentes aos exercicios dos anos 2020 e 2021 e dun presunto delito de falsidade en documento mercantil ao achegarse unhas facturas que non se corresponden con servizos realmente prestados e achegados coa finalidade de minorar a cota tributaria a satisfacer.

Na súa resolución, a xuíz razoa que, supostamente, e "como consecuencia destas condutas defraudatorias," o contribuínte deixou de ingresar á Facenda Pública estatal polo Imposto de Sociedades de 2020 unha cota de 155.000 euros e polo imposto de sociedades de 2021, unha cota de 195.951 euros - 350.951 euros en total- delitos penados no artigo 305.1 do Código penal en concurso medial cun delito de falsidade en documento mercantil, do artigo 392.1 en relación co artigo 390 do Código penal’.

A sombra de Isabel Díaz Ayuso e a súa parella, Alberto González Amador, investigado pola Fiscalía por defraudar presuntamente máis de 350.000 euros a Facenda a través dunha trama de facturas falsas e empresas 'pantalla', chega tamén á Galiza da man do Consello de Contas. O ente fiscalizador deu a coñecer esta cuarta feira o Informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e da xestión económico-financeira da pandemia na Galiza, referido ao exercicio 2021, no que alerta das "diversas incidencias" detectadas nos contratos adxudicados pola Xunta da Galiza perante o procedemento de emerxencia durante os anos 2020 e 2021, en plena pandemia.

Tal e como informou Nós Diario nas últimas horas, serían un total de 110 millóns de euros, dos que 80,5 —a través de 863 contratos de emerxencia— se corresponden coa primeira das anualidades analizadas, representando un 4,43% das adxudicacións totais da Administración galega, e 30,9 referidas á segunda (1,32%).

E entre moitos outros nomes salienta Mape Asesores S.A., a compañía máis beneficiada polos contratos de emerxencia da Xunta durante o ano 2020. A través de 16 adxudicacións sen concorrencia pública, obtivo un montante total que supera os 10 millóns de euros. Mape, con sede na Galiza, é, precisamente, unha das sociedades que saíron a colación a raíz da investigación da Fiscalía pola que se acusa de fraude fiscal a González Amador.

Segundo se desprende da contabilidade aportada a Facenda, e desvelada por elDiario.es, a catalá FCS Select Products pagou á actual parella sentimental da presidenta da Comunidade de Madrid case 2 millóns de euros en concepto de dúas comisións pola venda a Mape de material sanitario por un valor total de 42 millóns de euros. Durante o ano 2020, de feito, a facturación de Mape chegou case a multiplicarse por catro, alcanzando os 113 millóns de euros.

Comentarios