A necesidade de políticas públicas da memoria centra en San Simón a homenaxe nacional ás vítimas da represión franquista

As querelas como unha ferramenta contra a impunidade centrará unha das actividades, co caso de Moncho Reboiras como exemplo.

san simon
photo_camera (Foto: X.C.G)

Máis un ano, a Iniciativa Galega pola Memoria organiza na Illa de San Simón a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo. É hoxe, 16 de xullo, cando se está ás portas de facer 87 anos do golpe de Estado e dos asasinatos.

Este ano, a homenaxe céntrase na necesidade da reivindicación e recoñecemento das políticas públicas da memoria na Galiza, collendo así o relevo da demanda que Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, realizou o pasado 7de xuño no Parlamento galego no acto de lembranza e honra a seu pai.

En edición anteriores os actos téñense centrado no exilio invisíbel, ou no propio espazo da Illa de San Simón como enclave fundamental para a memoria, entre outros. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria mantense viva a memoria de que na illa “houbo moitas persoas presas na súa colonia, agardando en moitos casos un desenlace tráxico”. “É un sitio para o recordo, mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror”, apunta a organización.

Programa

Os actos comezarán ás 11 horas, cunha visita guiada pola Illa da Memoria. Ás 12 terá lugar o acto central desta homenaxe: Xustiza para as vítimas do franquismo e  necesidade das políticas públicas da memoria.

As intervención serán en torno ás querelas como elemento vivo fronte á impunidade e contarán coa intervención de querelantes como Julio Pacheco e Manuel Reboiras. Pacheco querelouse contra torturadores do franquismo, Reboiras, contra os asesinos do seu irmñan Moncho. Neste acto tamérn interverá Inés Álvarez, do equipo xurídico de Ceaqua, Coordinadora estatal de apoio á querela arxentina contra crimes do franquismo.

A seguir, desenvolverase a Lectura-Declaración Iniciativa Galega pola Memoria: Necesidade da reivindicación e recoñecemento das políticas públicas da memoria no noso país.

As actuación musiciais de Samu da Revolta e Montse de Liorna, así como dos  Gaiteirxs da Memoria; a oferenda floral e o canto do Himno galego porán o ramo a esta xornada.

Antecedentes

As homenaxes nacionais ás vítimas da represión comezaron a realizarse en San Simón en 2006, hai precisamente unha década, da man da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza, da que era responsábel, daquela, o BNG. En 2009, a chegada do PP ao Goberno suprimiu as conmemoracións e as exposicións sobre a historia do campo de represión que acollera a illa.

Foi nese 2009 cando as asociacións de recuperación da memoria decidiron facerse cargo das homenaxes nacionais anuais e, en consecuencia, organizar o Día da Memoria, que cae no domingo máis próximo ao 18 de xullo. Desde entón, a Iniciativa Galega pola Memoria lembra as persoas que sufriron o terror.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios