O pleno do Concello de Agolada (Deza) aprobou cos votos a favor do BNG e o Partido Anticorrupción e Xustiza e a abstención do PP senllas mocións "de rexeitamento da macroindustria contaminante de Altri".
As iniciativas, que partiron do BNG e do Partido Anticorrupción e Xustiza, demandaban que a Xunta da Galiza "informe negativamente" o proxecto da pasteira portuguesa en Palas de Rei (A Ulloa).
O alcalde de Agolada, Luís Calvo, acusou a empresa e Xunta de "mentir e enganar á ciudadanía con 2.500 postos de traballo e lyocell" e asegurou que o Concello “está elaborando informes para presentar alegacións” contra o denominado Proxecto Gama.
Ademais, Calvo criticou a consideración deste proxecto de incidencia supramunicipal “porque diante de semellante fábrica contaminante o primeiro era falar coa alcaldes afectados”, que diante da decisión da Xunta “estamos atados de pes e mans”.
O PP de Agolada abstívose nas votacións alegando falta de información sobre o proxecto e amosando “plena confianza na avaliación ambiental do mesmo por parte dos técnicos” da Xunta da Galiza.
Un municipio máis contra a pasteira
Agolada uniuse así no rexeitamento a Altri a outros Concellos como Taboada (comarca de Chantada), Láncara (comarca de Sarria), Rianxo (O Barbanza), Sarria (comarca homónima), Melide (Terra de Melide), Vila de Cruces (Deza) ou Arzúa (comarca homónima). A Deputación de Lugo tamén estabeleceu o seu 'non' á pasteira.