Crise dos pellets

Fraga, de caza durante o 'Prestige'; Rueda, en Madrid cos pellets

Mentres millóns de boliñas seguían nas praias galegas, Rueda participaba con Alberto Núñez Feixoo nun encontro informativo.
Isabel Díaz Ayuso, Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, hoxe, en Madrid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, hoxe, en Madrid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O sábado 16 de novembro de 2002, mentres o chapapote chegaba á Costa da Morte, Manuel Fraga, puña rumbo a Madrid, onde pasou a noite nun famoso hotel da capital española para, ao día seguinte, domingo —e mentres o chapapote seguía chegando á costa galega— asistir en Aranxuez a unha "xornada de caza" na Finca Flamenca. Ao día seguinte de que o fuel do Prestige chegase ás costas galegas, o presidente da Galiza estaba a 570 quilómetros da Costa da Morte.

A 500 quilómetros da Galiza atopábase hoxe o presidente Alfonso Rueda, acompañado do seu antecesor, Alberto Núñez Feixoo, e da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, nun almorzo informativo no que se centrou en alertar que Pedro Sánchez se presenta "camuflado" ás eleccións galegas para impor unha "sucursal" da Moncloa na Galiza.

Sobre os 'pellets', limitouse a sinalar que o Goberno galego non tiña previsto activar o nivel 2 do Plan Camgal —até o fechamento da edición deste xornal estaba activo o nivel 1—, que implicaría que se poidan mobilizar medios estatais destinados á limpeza dos areais, e acusou a oposición de "electoralismo".

Comentarios