BNG e Compostela Aberta pactan os orzamentos da capital co PSOE

A sinatura do acordo da capital terá lugar esta sexta feira
Pazo de Raxoi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pazo de Raxoi. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Compostela, que preside Goretti Sanmartín (BNG) en coalición coa Compostela Aberta (CA) da tenente de alcaldesa María Rozas, pactou os orzamentos co PSOE, un acordo que presentarán e asinarán hoxe a propia rexedora, Rozas e Aitor Bouza, recentemente elixido responsábel do PSOE local.

Concretamente, a sinatura do acordo está convocada para as 10 horas no Salón Amarelo do Pazo de Raxoi.

Orzamentos "sociais"

O borrador de orzamentos do Concello de Compostela presentado ascende a 141 millóns de euros e, na súa presentación, Sanmartín destacou que tiñan como obxectivo "iniciar un modelo de concello transformador, acorde coas demandas de santiagueses e santiaguesas", ademais dun "marcado carácter social". A orientación fundamental destes orzamentos foi a de darlle protagonismo aos barrios e parroquias e avanzar nun concello "territorialmente cohesionado, con novas dotacións públicas e unha mellora na calidade de vida da cidadanía". 

Así, as principais liñas de actuación céntranse nos servizos públicos, as políticas sociais e culturais, novos proxectos de transformación urbana e a mellora da sostibilidade e a eficiencia. 

Na área social orzamentaron máis de 8 millóns de euros, "un incremento de máis de 2,5% respecto ao ano anterior, máis do 46% na área de atención social". 

A contía total das contas da capital galega repartiranse en 121 millóns para gastos correntes, máis 18 millóns para gastos de capital, incluídos os investimentos e case un millón de devolución de préstamo.

Comentarios