O BNG exixe ao Estado que recupere os servizos de ferroviarios eliminados na pandemia

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas no Congreso esta segunda feira. 
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou esta segunda feira no Congreso novas iniciativas para que Renfe “repoña todos os servizos ferroviarios suprimidos durante a pandemia que aínda continúan sen reactivar, como os trens nocturnos que conectaban a Galiza con Madrid e Catalunya”.  

A organización nacionalista exixe apostar decididamente polo ferrocarril como medio de transporte “sustentábel” e que o Estado incremente os servizos de media distancia na Galiza, a destacar a conexión Vigo (estación de Guixar)-Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago e mesmo a conexión entre Lugo e A Coruña ou Ourense.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, definiu estas iniciativas como a “folla de ruta defendida tamén durante a pasada lexislatura e que reafirma o compromiso do Bloque para o desenvolvemento dunha política de mobilidade e transporte máis verde, eficiente e sustentábel”.

Demandas que, ademais de seren formuladas polo BNG, tamén son “reclamacións de asociacións do ferrocarril de media distancia, de usuarios e usuarias e demais”.

“Cada vez que se abre o debate, o Ministerio alega a existencia “alternativa” das conexións diúrnas de AVE e Alvia cando estamos a falar de servizos cunhas características diferentes” recrimina o deputado do BNG na Cámara baixa. De facto, segundo explica Rego, “non todo pode ser AVE, existe tamén o tren convencional que convén impulsar e recuperar”.

Trens nocturnos

Sobre o servizo de Tren-hotel que unía a Galiza con Barcelona e Madrid, Portugal e Francia, Rego asegurou que "a falta de interese do Ministerio por recuperar estes servizos demostra que se aproveitou o confinamento para eliminar estas conexións de maneira definitiva".

Comentarios