Os “chiringuitos” da Xunta xestionan 1.800 millóns e contratan máis de 8.000 persoas

A débeda destes “chiringuitos” aumentou dende os 560 até os 560 millóns de euros nas 116 entidades instrumentais da Galiza

O deputado do PSdeG no Parlamento galego, Pablo Arangüena, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do PSdeG no Parlamento galego, Pablo Arangüena, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O deputado do PSdeG Pablo Arangüena reclamoulle esta quinta feira, 5 de outubro, á Xunta da Galiza que siga as recomendacións do “demoledor” informe do Consello de Contas, que alerta do crecemento e descontrol da Administración paralela. O socialista levou unha proposición non de Lei á Comisión Institucional do Parlamento para reclamar un maior control destes “chiringuitos”, pero foi rexeitada polo PP.

O informe do ente fiscalizador di que a Xunta veu engordando as entidades instrumentais até o punto de que xestionan “sen control” 1.800 millóns de euros de orzamento galego e contratan máis de 8.000 persoas. O propio Consello de Contas alerta do descontrol destas entidades, empregadas “para practicar a discrecionalidade nas políticas de persoal, escapar dos procedementos administrativos de contratación e dos límites de débeda”.

Arangüena advertiu que en lugar de reducir a Administración paralela, esta incrementou o seu peso, aumentando a débeda 13% só entre os anos 2020 e 2021, os cales fiscaliza o informe publicado no pasado mes de xullo. A débeda destes “chiringuitos” aumentou desde os 560 até os 560 millóns de euros nas 116 entidades instrumentais da Galiza, que “manexan 15,5% do orzamento” da Galiza, cando o ano anterior era 14%.

Este aumento “espectacular” no último ano de Alberto Núñez Feixoo como presidente do Executivo galego, dixo, “choca frontalmente coas súas críticas ao endebedamento do Estado español, que foi empregado para saír adiante na crise social asociada á pandemia”. Dixo que “escoitar a Feixoo falar de boa xestión pública é como escoitar a Al Capone falando de lei e orde”, xa que propón en Madrid “o contrario do que fixo na Galiza” como presidente da Xunta.

Sinalou ademais que a Galiza é líder absoluta en axencias públicas cun total de 16, a que máis ten do Estado. Estas entidades constitúen “un determinado tipo de chiringuito” que na Galiza xestionan a metade dos fondos da Administración paralela para promoción económica, servizos sociais, enerxía, desenvolvemento rural, control do medio mariño ou emerxencias, entre outras.

Estas axencias manexan 860 millóns de euros con controis aínda máis laxos que a Administración ordinaria, ata o punto de que só 6 delas contan con contrato de xestión, a súa norma fundamental, e “polo tanto están fora da Lei”. Ademais, sinalou ás entidades de capital risco e investimento colectivo, como Sodiga ou o Igape, “pulverizan” 48% dos seus fondos, converténdose nun “burato negro no que entran recursos que son dilapidados sen control”.

Proposta

Arangüena pediulle nesta quinta feira ao Goberno galego que presentara un informe sobre a racionalización do sector público galego detallando o “custe e avaliación de cada un dos entes instrumentais autonómicos”. Tamén reclamaba que seguiran as recomendacións do Consello de Contas aprobando un plan específico de avaliación periódica do funcionamento das axencias “para xulgar se están a cumprir cos seus obxectivos e se son a forma máis eficiente para acadalos”.

O parlamentario socialista reclamou tamén pór en marcha neste período de sesións o rexistro de entidades dependentes da administración autonómica que está contemplado pola Lei de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

 

Comentarios