18-F

Ciencia e un modelo enerxético "ao servizo do país": estas son as 'chaves' do programa económico do BNG

Pontón marca como obxectivo de Goberno aumentar o peso da industria no PIB até 23% e xerar 12.000 empregos no que resta de década.

Luís Bará, Ana Pontón, Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, Ana Pontón, Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, participou esta quinta feira en Pontevedra nun almorzo-coloquio, acompañada de representantes do sector empresarial e dos sectores sociais. Neste acto, no que estivo acompañada do cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernándes Lores, e a concelleira Anabel Gulías, Pontón avanzou as liñas estratéxicas e as prioridades do programa económico do BNG, entre as que destacou a “aposta decidida” pola ciencia, a reindustrialización e un modelo enerxético “ao servizo do país”.

Fronte ao “conformismo e a resignación”, Pontón apostou pola “ambición e a confianza no potencial” do país para pór en marcha a transformación e modernización económica “que precisa Galiza”. “Colocar a Galiza entre as nacións máis avanzadas é o gran reto que temos por diante e ao que me comprometo a partir do 18 de febreiro”, proclamou.

Apuntou así á reindustrialización como primeiro “proxecto transformador” no programa económico do BNG, que inclúe a posta en marcha dun plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en 8 puntos o peso deste sector no PIB (que hoxe supón menos dun 16 %, dixo) e xerar en torno a 12.000 empregos até o 2030.

Un plan para a reindustrialización servirá, segundo explicou a candidata nacionalista, para “fechar ciclos produtivos e incrementar as cadeas de valor”, cun “impulso aos sectores tradicionais” como a automoción, o naval, o téxtil o agro e o mar, pero tamén a outros con “gran potencial de crecemento”, como a biotecnoloxía, a cadea monte-madeira, as enerxías renovábeis ou a bioeconomía circular, entre outros.

Ciencia e innovación

A “aposta decidida” pola ciencia e a innovación como motor da economía galega é outra das claves para un Goberno do BNG, avanzou a súa candidata, que lamentou que hoxe “esteamos á cola en I+D+i” e que mentres na Galiza hai cinco centros tecnolóxicos, só no Norte de Portugal funcionan 42. Comprometeuse, neste sentido, a impulsar un pacto pola ciencia xunto a universidades, centros tecnolóxicos e clústeres co obxectivo de destinar o 3 % do PIB a este sector no horizonte de 2030, sumando iniciativa pública e privada. Co BNG liderando o Goberno galego, comprometeu Pontón, crearase tamén o Innogal, un instituto similar ao Ikerbasque ou o Icrea para captar financiamento destinado a grandes proxectos que innoven e acheguen coñecemento.

No que se refire ao modelo enerxético, o programa avanzado por Pontón inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía e a tarifa eléctrica galega. Trátase dun modelo “posto ao servizo do país, da súa clase traballadora e as súas empresas”, porque “non é aceptábel un modelo deseñado a medida do lobby eléctrico, pensado para que unha presa de multinacionais teñan uns beneficios obscenos, mentres as nosas empresas pagan cada día máis pola enerxía lastrando a súa competitividade”, advertiu.

O programa económico presentado por Pontón contempla a “revitalización do medio rural e o sector do mar” como outro dos eixos de acción. Neste eido, comprometeuse a mobilizar 100.000 hectáreas de terra agraria e un plan de recuperación e rexeneración das rías para recuperar a produtividade do sector mar-industria.

Mobilidade

A candidata do BNG tamén comprometeu que, se a formación chega a gobernar a Xunta, apostará por “crear máis solo industrial” e “modernizar as infraestruturas”, defendendo a gratuidade da AP-9, impulsando a mobilidade ferroviaria, a coordinación dos aeroportos ou unha estratexia marítima e portuaria como “chaves para impulsar a competitividade da economía galega”.

Igualmente, segundo sinalou Pontón, para o BNG é “prioritario” mellorar as comunicacións con Portugal, impulsando a alta velocidade entre Vigo-Porto-Lisboa. “O futuro de Galiza pasa polo Atlántico”, sinalou a candidata na exposición das súas prioridades no eido económico.

Comentarios