Contas alerta de contratos irregulares en entes que dependen da Xunta

Aumenta a contía para contratos menores.
Alfonso Rueda, con Juan Carlos Aladro Fernández, conselleiro maior. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, con Juan Carlos Aladro Fernández, conselleiro maior. (Foto: Europa Press)

O Consello de Contas detectou usos irregulares de contratos tanto en procedementos abertos como de tipo menor en diferentes entes dependentes do Goberno galego, segundo recolle un informe de fiscalización publicado esta cuarta feira.

En concreto, no 23% das entidades dependentes da Xunta da Galiza detectouse a "utilización irregular de contratos menores como contratos-ponte para garantir a continuidade dun servizo mentres non se resolvía a licitación a través doutro procedemento". En detalle, identifica dúas entidades que prolongaron no tempo a situación de transitoriedade encadeando sucesivos contratos menores, o que deu lugar a un acumulado de 3,5 millóns e máis de 129.000 euros en cada caso.

Aínda que con carácter xeral as entidades dependentes da Xunta respectaron o límite cuantitativo para contratos menores, Contas avisa de que houbo un "incumprimento de límites en 14 contratos", os cales suman uns 455.000 euros. Di que este exceso é só dun céntimo en tres casos, pero "en 11 superouse claramente".

Límite temporal

Ademais, no 65% das entidades identificouse unha superación do límite temporal dun ano mediante a prestación continuada de servizos que responden a unha necesidade permanente –en 51 contratos por uns 870.000 euros–.

Tamén, no 46% de entes houbo un uso de contratos menores para contratar prestacións que responden a necesidades recorrentes e cuxo importe, calculado de forma acumulada, excede o límite permitido para adxudicar de forma directa. O 15% das entidades fai un uso de "supostos de fraccionamento indebido do obxecto de contrato".

Comentarios