A CRTVG acumula 18 condenas nun ano por vulneracións de dereitos

Olalla Rodil pide explicacións pola imputación de oito directivos da cadea.
Olalla Rodil (BNG) acusou a Paula Prado (PP) de "pirómana e incendiaria" (Foto: Nós Diario).
photo_camera Olalla Rodil (BNG). (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG Olalla Rodil pediu onte explicacións ao Goberno galego após a imputación de oito directivos da CRTVG, incluído o seu director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo por "un presunto delito de acoso laboral" contra unha  traballadora, caso que avanzara Nós Diario. Para a nacionalista, esta circunstancia resulta "inadmisíbel" en calquera empresa e moito máis "nunha  pública".

Porén, engadiu, este non é o único caso e a "dirección que o PP puxo a dedo na CRTVG acumula centos de condenas por violar os dereitos das traballadoras e traballadores dos medios públicos nunha actuación sistemática e sistematizada contra quen se nega a manipular". Que máis ten que pasar para que o PP cese esta dirección?", preguntou.

Rodil manifestou que a televisión pública acumula 18 condenas nun ano "por vulneración de dereitos e despidos improcedentes" e que o número sobe a 400 desde 2009. O vicepresidente primeiro da Xunta da Galia, Diego Calvo, acusou o BNG de “atacar os medios públicos” para procurar “protagonismo” ante a proximidade dunhas eleccións, e criticou o nacionalismo por “desprestixiar” os profesionais da CRTVG. “Os únicos que atacan os medios públicos e os seus traballadores son vostedes”, respondeulle Rodil.

 O PP,  subliñou Rodil  puxo "a dedo e mantén no cargo" ao director Sánchez Izquierdo  en contra do que di a propia  lei e polo tanto, é responsable directo da situación da CRTVG e que  máis ten que pasar para que o PP cese ao director xeral da Corporación da Radio Televisión da Galiza.

Contrato de Javier Negre

O deputado do PSdeG Pablo Arangüena volveu preguntar na Cámara polos tres contratos "a dedo" por importe de 50.000 euros "regalados" pola Xunta ao xornalista "ultra" Javier Negre. "É un escándalo que Presidencia siga a negarse a informar sobre este asunto e a cumprir co acordo parlamentario”, criticou.

Comentarios