18-F | Análise

As enquisas indican que máis de 60% da poboación galega quere un cambio

Non houbo sorpresas. As eleccións galegas decorrerán, finalmente, o 18 de febreiro, tal e como viñan indicando as últimas semanas desde os círculos do Partido Popular. As forzas da oposición amósanse preparadas para pór remate a 14 anos de Goberno da dereita.

Quindous, Cervantes, Lugo. Elecciones generales en España. Mesa electoral situada en la vivienda de Dña. Amparo Fernández Témez. Cervantes, en las montañas de Os Ancares, mantiene mesas electorales en viviendas particulares, dada la despoblación del concello y la falta de dotación administrativa.
photo_camera O PP busca desmobilizar o electorado progresista de cara ás eleccións de febreiro. (Foto: Europa Press).

A decisión de convocar os comicios galegos para a última quincena de febreiro ou a primeira de marzo estaba adoptada desde había meses. Neste sentido, a dirección do PP sentíase premida desde o mes de setembro por unhas enquisas que avanzan unha caída lenta pero constante do seu apoio electoral, así como un incremento do electorado que suspende a súa xestión e reclama un cambio político. Así, tres sondaxes diferentes, encargadas polo PP, BNG e PSdeG nas dúas primeiras semanas de decembro para fixar a estratexia de campaña, sinalan que máis de 60% da poboación galega aposta por unha mudanza á fronte da Xunta da Galiza.

A totalidade dos estudos de opinión elaborados no mes de decembro sitúan a maioría absoluta do PP no gume da navalla e abren a posibilidade a un Goberno alternativo na Galiza. Nesta dirección, as empresas de sonaxes destacan que o punto de partida para estes comicios é totalmente diferente ao de todos os procesos electorais galegos desde 2012, onde as enquisas próximas á campaña xa avanzaban a imposibilidade de calquera cambio electoral. A este respecto, lembran que é demasiado cedo para extrapolar conclusións, porque o groso do voto decídese na campaña, mais matizan que as tendencias neste momentos non son favorábeis aos populares.

Desmobilizar a esquerda

O PP fía a súa continuidade na Xunta a asentar na sociedade a idea de que non é posíbel unha mudanza política na Galiza e ao nivel de fragmentación do voto progresista. Nesta perspectiva, considera que a primeira percepción resulta chave para desmobilizar os votantes de esquerda, de cuxo nivel de participación vai depender o resultado final, tal é como certifican os históricos electorais. A reforzar esta formulación van destinar os populares todo o seu aparello de creación de opinión, conformado por unha boa parte do sistema mediático galego pero, tamén, por todo o seu corpo militante, eficaz á hora de introducir mensaxes na sociedade. Os estudos de opinión das últimas semanas certifican que o PP está conseguindo fixar este relato de modo moi particular entre o electorado progresista.

Dispersión do voto

Os populares agardan que unha dispersión do sufraxio de esquerdas reste posibilidades ás forzas da oposición. No caso de confirmarse os datos fornecidos por todas as sondaxes elaboradas no mes de decembro, Sumar fica moi lonxe da porcentaxe necesaria para alcanzar representación nas circunscricións de Lugo e Ourense. Asemade, estes mesmos estudos de opinión non lle garanten escanos nas demarcacións electorais da Coruña e Pontevedra, ao deixalos por baixo do límite legal necesario do 5%.

Esta panorámica é a que está a levar os candidatos do BNG e do PSdeG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón e José Ramón Besteiro, a chamar á concentración do voto progresista nas súas formacións.

As posibilidades da oposición

Nacionalistas e socialistas saben que nunca tiveron tan perto nos últimos 14 anos a oportunidade de gobernar e están xogando forte. As sondaxes sitúan como segunda forza destacada tras o PP o BNG, a quen atribúen un aumento significativo da súa representación, que algunha enquisa coloca en arredor de 25 escanos. Neste punto, a dirección de campaña da formación traballa en asentar a súa hexemonía no votante menor de 40 anos e en avanzar entre aqueles maiores de 65 anos, onde alcanzan as peores porcentaxes de sufraxios.

Os estudos de opinión deixan os socialistas nuns niveis semellantes aos de hai catro anos, mais a dirección da formación entende que son unhas cifras conxunturais derivadas da situación creada após a investidura de Pedro Sánchez e agardan da axuda deste para recuperar posicións. A aposta da dirección estatal dos socialistas nestas eleccións, decidida como nunca a favorecer un cambio político no país, achega un factor diferencial en relación con outros comicios de ámbito galego

Comentarios