Ábalos fica só: a Executiva do PSOE exixe a entrega da súa acta de deputado en 24 horas polo 'caso Koldo'

O grupo socialista rexistrará no Congreso, "de maneira inmediata", unha comisión de investigación para analizar a compra de material sanitario desde as administracións públicas durante a pandemia e da que se lucraría o que fora asesor do ministro e a súa 'man dereita', Koldo García.
O deputado e ex ministro José Luis Ábalos, a pasada quinta feira, no pleno do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O deputado e ex ministro José Luis Ábalos, a pasada quinta feira, no pleno do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Comisión Executiva Federal do PSOE acordou esta segunda feira, "por unanimidade", solicitar ao ex ministro José Luis Ábalos a entrega da súa acta de deputado ao grupo socialista, segundo anunciou a portavoz da formación, Esther Peña, que dixo que espera que o faga "nas próximas 24 horas", e así llo "comunicaron" ao parlamentario. Ademais, indicou que de "maneira inmediata o Partido Socialista vai rexistrar no Congreso unha comisión de investigación para analizar a compra de material sanitario desde as administracións públicas na época da pandemia do coronavirus", no que xa se coñece como 'caso Koldo', en relación ao principal sospeitoso, o ex asesor de Ábalos Koldo García.

Peña salientou que a Executiva socialista decidiu pedir a acta de Ábalos aínda que "non está investigado, nin sinalado, nin imputado, nin o seu nome figura na investigación". "Non nos eriximos en xuíces, non somos fiscais, non xulgamos. Pero, a pesar de todo, a Executiva Federal considera que si existe unha responsabilidade política", matizou.

A tamén deputada no Congreso mostrouse convencida de que o ex ministro actuará "en consecuencia por este ben maior, que é o Partido Socialista", e que o resultado nas próximas horas "será positivo para a organización" e para el mesmo. Ademais, Peña precisou que de "maneira inmediata" o PSOE vai rexistrar no Congreso unha comisión de investigación.

Segundo explicou, a primeira tarefa que ocupará a esta comisión será o caso que afecta ao "suposto cobro de comisións por parte dun ex asesor do Ministerio de Transportes [Koldo García] e o pagamento das mesmas por varios empresarios". Esther Peña asegurou que o PSOE responde a "tres principios moi claros" en todo o que atinxe á corrupción política: "A xustiza, transparencia absoluta e asunción de responsabilidades".

Dito isto, recalcou que non son "iguais" a outras formacións políticas e, por tanto, "ante un posíbel caso de corrupción" o seu partido dá "a cara" e asume "responsabilidades, moi por riba das xudiciais, polo ben da política e polo ben das institucións". "Por tanto, estou persoalmente orgullosa dun partido que é capaz de pór por diante todo o que ten para acabar coa desvergoña dalgúns e a inacción doutros, como o Partido Popular, que nunca toma medidas", engadiu.

A portavoz do PSOE, Esther Peña, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
A portavoz do PSOE, Esther Peña, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Comentarios