O portavoz da coalición de Galicia en Común, Anova e as mareas, Antón Gómez Reino, mantivo onte unha reunión coa voceira da Federación Galega de Asociacións de Familiares Usuarios de Residencias (REDE), María Rodríguez. Con ela, avaliou a xestión da crise do coronavirus na rede de centros de maiores, que as integrantes de REDE veñen denunciando.
Gómez Reino lembrou que xa se presentaron perante a Fiscalía denuncias relativas a máis de cincuenta residencias galegas. As acusacións diríxense a cargos da Xunta pertencentes á Consellaría de Política Social, mais tamén apuntan ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ou ás institucións e empresas que xestionan os centros, nomeadamente a Fundación San Rosendo e DomusVi.
É intolerábel que o único recurso das familias sexa acudir aos tribunais, advertiu Gómez Reino
"É intolerábel que a Xunta siga sen facer nada e que o único recurso das familias para impedir a grave situación á que están sometidos os usuarios sexa acudir aos tribunais, que só poderán actuar cando seguramente xa sexa demasiado tarde", expuxo o portavoz da coalición.
Gómez Reino asegurou que no presente urxe "salvar vidas", mais avanzou a necesidade de que a Xunta asuma "a irresponsabilidade da súa inacción".
O voceiro de Galicia en Común, Anova e as mareas e lembrou que 44,17% das vítimas mortais pola COVID-19 na Galiza rexistráronse en usuarias e usuarios de residencias, que paralelamente suman 22% das contaxiadas do país.
"Levamos semanas esixindo a Feixoo que interveña os centros e os medicalice, pero parece que só lle interesa tapar o asunto con propaganda destinada a manter un modelo baseado nos recortes e as privatizacións", asegurou o portavoz.
A rede de centros, apuntou, conta cun 80% de prazas de xestión privada. O dirixente acusou as compañías que as dirixen de "facer negocio coa vida, a saúde e o benestar dos nosos maiores".