18-F

O Goberno andaluz aplaude o resultado electoral na Galiza por dicir non "aos independentistas"

O conselleiro andaluz de Presidencia e Interior di que os galegos votaron PP para demostrar "que non quere pactos para saltarse a Constitución". 
ANTONIO SANZ ANDALUCÍA
photo_camera Antonio Sanz (Foto: Junta de Andalucía)

O conselleiro andaluz de Presidencia, Interior, Diálogo Social e Simplificación Administrativa, Antonio Sanz, considerou que o resultado das eleccións galegas, nas que o PP obtivo de novo a maioría absoluta, é unha "lección" para o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e os seus pactos con independentistas.

En declaracións aos xornalistas esta segunda feira en Málaga, Sanz trasladou a súa felicitación ao candidato do PP á reelección como presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa "enorme e gran vitoria" e pola campaña electoral "seria e rigorosa que fixo".

"Os cidadáns souberon valorar un bo Goberno, que responde a necesidades dos cidadáns, achegando solucións", segundo Sanz, para quen gañou " a moderación e a eficacia, fronte á chantaxe e as cesións", en referencia ao que considera está a ocorrer co Executivo de Pedro Sánchez a respecto dos independentistas

"A xente demostrou que non quere leas, que non quere pactos para saltarse a Constitución e que non quere cesións aos independentistas, e iso tamén o dixeron nas urnas este domingo", segundo Sanz, para quen o resultado das eleccións galegas é unha "lección para o resto de España e o que está a ocorrer especialmente no Goberno central, presidido neste momento polo perdedor das eleccións xerais, a través dun pacto co independentismo".

Recalcou que ve con "moita esperanza" o resultado da Galiza, porque "ten unha lectura máis aló da Galiza e é o camiño que todos esperamos e confiamos para que moi pronto Alberto Núñez Feixoo sexa o presidente do Goberno de España".

A falta de que se coñezan os resultados do voto CERA, o escrutinio das eleccións galegas deixa un Parlamento galego con maioría absoluta do PP, que cae dos 42 escanos aos 40 (cunha porcentaxe de voto de 47,49% en 2024 fronte a un 47,95% que os populares conseguiran en 2020).

Mentres, o BNG experimenta os seus mellores rexistros nunhas eleccións galegas, pasando dos 19 escanos de 2020 (23,78%) aos 25 (31,51%). A participación subiu a un máximo histórico de 67,24%, case 20 puntos máis que en 2020.

Comentarios