As autonomías do PP, as máis beneficiadas pola condonación da débeda que criticaron por ser un "traxe a medida dos cataláns"

O País Valencià cancelaría 14.093 millóns, mentres no caso de Andalucía serían 5.696 millóns e no de Madrid, a pesar de que Díaz Ayuso insistiu en numerosas ocasións en que a súa comunidade "non ten débedas", 3.473 millóns de euros. En Catalunya, pola súa parte, serían 14.647 millóns, e na Galiza, 1.721.
Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso, na manifestación convocada polo PP en Madrid contra a amnistía, o pasado 12 de novembro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso, na manifestación convocada polo PP en Madrid contra a amnistía, o pasado 12 de novembro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Galiza podería ver reducida a súa débeda pública en 1.721 millóns de euros, ficando así en 10.621 millóns —actualmente son 12.333—, no caso de aplicarse finalmente a condonación pactada por PSOE e Junts no marco do acordo de investidura de Pedro Sánchez. Así o estima o sindicato de técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), cuxos cálculos evidencian que a medida alcanzaría no conxunto do Estado español os 57.771 millóns de euros.

E, se ben Catalunya sería a comunidade máis beneficiada pola condonación, permitíndolle cancelar uns 14.647 millóns de euros —arredor do 20% do total, tal e como pactaran os socialistas coa outra forza independentista catalá, ERC, actualmente á fronte da Generalitat—, resulta especialmente rechamante saber cales serían os seguintes territorios máis (positivamente) afectados pola medida: País Valencià, Andalucía e a Comunidade de Madrid. Tres territorios gobernados polo mesmo Partido Popular que fixo nas últimas semanas unha férrea oposición á condonación da débeda anunciada polo PSOE.

O País Valencià cancelaría 14.093 millóns, segundo as mesmas cifras achegadas por Gestha, mentres no caso de Andalucía serían 5.696 millóns e no de Madrid, a pesar de que a súa presidenta, Isabel Díaz Ayuso, insistiu en numerosas ocasións en que a súa comunidade "non ten débedas", condonaríanse nada menos que 3.473 millóns de euros. "Un traxe feito a medida dos independentistas a cambio dos seus votos", afirmaran desde a cúpula do PP.

A estas comunidades seguiríanas Castela e León (gobernada polo PP, cunha condonación de 2.612 millóns), Castela-A Mancha (PSOE, 2.404), Canarias (Coalición Canaria e PP, 2.633), Euskadi (PNV, 2.332), Balears (PP, 2.110), Murcia (PP, 1.749), Galiza (PP, 1.721), Aragón (PP, 1.417), Nafarroa (PSOE, 819), Asturias (PSOE, 652), Estremadura (PP, 545), Cantabria (PP, 507) e A Rioxa (PP, 358). É dicir, que os territorios gobernados polos populares serían os grandes beneficiados, cunha condonación de débeda que ascendería até os 39.318 millóns de euros, o 68% do total no Estado.

A posíbel condonación da débeda por parte do Estado ás comunidades autónomas adheridas ou non ao Fondo de Liquidez Autonómico (FLA), precisou o persoal técnico do Ministerio, é un "simple axuste interno sen efectos cara ao exterior", polo que o nivel de endebedamento público do Estado español "será o mesmo", e os compromisos coa Unión Europea non se verían afectados.

En chave interior, as autonomías reducirían unha parte do custo de intereses e "alcanzarían mellor o obxectivo de déficit", e o Estado podería verse afectado "en menor medida" se necesita endebedarse para realizar as transferencias a determinadas rexións para que cancelen unha parte das débedas con terceiros, quer ás comunidades non acollidas ao FLA, quer porque o importe da cancelación asignada a algunhas comunidades excede da débeda a través deste mecanismo. En paralelo, apuntan, o Estado cancelaría o aumento da débeda que as comunidades autónomas realizaron para financiar os servizos públicos durante os ciclos negativos da actividade económica desde 2009.

Reforma do sistema de financiamento

Desde Gestha valoran o "esforzo" do Goberno español como unha medida "de urxencia" neste momento de tramitación dos orzamentos autonómicos, se ben consideran, porén, que a condonación dunha parte da débeda é unha solución "parcial e incompleta". Neste senso, reclamaron ao Ministerio de Facenda que inicie o proceso para negociar o cambio de modelo de financiamento autonómico, partindo das conclusións dos informes das comisións de expertos nomeados polas distintas comunidades e o Ministerio de Facenda ao respecto.

Os técnicos lembran que o actual modelo caducou e que está a provocar "importantes déficits de financiamento", polo que instaron todas as formacións parlamentarias a se esforzaren para que non se bloquee esta reforma prioritaria.

Comentarios