Parlamento

Rueda recoñece que o PP triplicou a débeda pública e defende recorrer á banca privada e non ao FLA

Ana Pontón critica o sobrecusto do endebedamento para "favorecer" a banca.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a portavoz do BNG, Ana Pontón; e do PSdeG, Luís Álvarez, hoxe. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a portavoz do BNG, Ana Pontón; e do PSdeG, Luís Álvarez, hoxe. (Fotos: Nós Diario)

O incremento da débeda pública galega e as políticas de xénero marcaron hoxe a sesión de control ao Executivo galego no Parlamento da Galiza, na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou explicacións sobre a alza do endebedamento e o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, sobre as políticas en prol das mulleres.

Pontón lembrou a Alfonso Rueda que “o Goberno do Partido Popular triplicou a débeda galega, sumando aquela que computa como tal e a derivada da colaboración pública privada, mentres recortaba en sanidade, educación e servizos públicos, e mentres se destruían miles de empregos no agro, no mar e na industria”. Neste sentido, a nacionalista preguntoulle polas razóns que levaron a Xunta da Galiza a endebedarse coa banca privada, renunciando “a acudir ao Fondo de Liquidez Autonómico (FLA), o que obriga a pagar un sobrecusto de 1.400 millóns pola débeda pública”. Neste punto, avanzou unha auditoría no caso de chegar á Presidencia da Xunta da Galiza.

Alfonso Rueda comezou a súa resposta afirmando que “nos endebedamos nestes anos, claro que si”, se ben matizou que a alza da débeda pública galega está por baixo da media do resto das comunidades autónomas. Neste punto, defendeu ter recorrido á banca privada e non ao FLA “porque ofrecía mellores condicións de financiamento en 2012” e criticou a redución de 20% da débeda galega recollida no acordo de investidura entre nacionalistas e socialistas pois, argumentou, “é un traxe a medida de Catalunya”.

A débeda pública galega tense incrementado en 8.379 millóns desde o ano 2009, cando o PP chegou á Xunta após o Goberno galego de PSdeG e BNG. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns e equivalía a 6,8% do Produto Interior Bruto (PIB), a finais en xuño de 2023, último mes con cifras, chegaba a 12.333 millóns,  representando 17,8% do PIB. A esta contía, hai que engadir a débeda derivada da colaboración público-privada, unha vía pola que optou o PP de forma imporante nese período, que suma 1.906 millóns.

Feminismo

Luís Álvarez cualificou este ano “como negro en violencia de xénero” e referiuse ás mulleres asasinadas así como ao "aumento da violencia de xénero en 12,2”. Nesta liña, sinalou as diversas expresións da mesma na esfera “física e psicolóxica” e denunciou que “a prevención non consiste en facer campañas de baixa intensidade”. A este respecto, indicou que “a nova Lei de igualdade da Xunta non acerta”, lamentou que “os orzamentos do Goberno galego dedícanse a xestionar fondos transferidos doutras Administracións e reclamou “pasos reais e efectivos do Executivo galego para avanzar en materia de igualdade".

Alfonso Rueda, a preguntas de Álvarez, evitou declararse como feminista e acusou os socialistas de facer política a custa da violencia de xénero. Neste contexto, criticou os pactos do Partido Socialista coas forzas nacionalistas, sinalando que “vostedes pactaron con Bildu, que non condenou o asasinato de Ernest Lluch”, en referencia ao ministro de Sanidade de Felipe González asasinado por ETA.

Comentarios