O BNG desvela que a estratexia do PP leva a Galiza a pagar un sobrecusto pola débeda de 1.400 millóns

Ana Pontón incide en que o acordo de investidura achega unha solución porque permite negociar unha quita, “non o desaproveite só porque o logrou o BNG”, apelou

rueda
photo_camera Alfonso Rueda na sesión de control, onde o BNG desvelou o sobrecusto da débeda (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desvelou esta cuarta feira no Parlamento que Galiza paga un sobrecusto de 1.400 millóns de euros pola débeda pública pola decisión “do Goberno de PP de renunciar aos fondos que o Estado puxo a disposición das comunidades autónomas a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) e preferir endebedarse coa banca privada”. Un sobreprezo que se recolle no informe do BBVA publicado en setembro de 2023 Endebedamento das Comunidades Autónomas.

“Un negocio redondo para a banca que acaban pagando os galegos e as galegas”, criticou na sesión de control parlamentaria, na que avanzou unha auditoría da débeda pública se obtén a confianza da cidadanía para ser a próxima presidenta de Galiza, unha auditoría para coñecer como e en que condicións se triplicou a débeda baixo o mandato do PP, “fronte á súa opacidade señor Rueda, transparencia”, indicou.  

Pontón considerou “evidente” que o PP tomou decisións “en contra da Galiza”, única e exclusivamente por “propaganda política e, ademais, para beneficiar a banca” e reclamou ao presidente da Xunta que explique “por que preferiron acudir á banca privada cun sobrecusto de 1.400 millóns de euros”, cando o propio sector recoñece nos seus informes unhas condicións peores que as do FLA. 

Neste sentido, aludiu ao informe do BBVA, onde se explica que as comunidades que como a Galiza renunciaron aos fondos do Estado para endebedarse directamente coa banca asumiron un custo medio adicional de un punto porcentual. “Pero se até o ministro Montoro, que non Montero, lles advertía que ían pagar máis!”, recriminou.

A portavoz nacionalista recordou que o Goberno do PP triplicou a débeda pública até situala nos 14.156 millóns, sumando as colaboracións público-privadas, o que supón “nada menos que 5.243 euros por habitante e todo mentres recortaba en servizos públicos”.

“Nunca na historia deste país tivemos tanta débeda, esta é a herdanza do PP”, criticou logo de lembrar que o pago da débeda é, cun incremento do 71%, a terceira partida máis alta dos orzamentos de 2024 despois da educación e a sanidade.

“Pero o máis grave é que o Partido Popular triplicou a débeda mentres recortaba en sanidade, en educación, en servizos públicos; triplicou a débeda sen construír nin unha soa residencia pública, triplicou a débeda pese a dinamitar a política social de vivenda e triplicou a débeda mentres se perdían miles de postos de traballo na pesca, no agro ou na industria”, argumentou, “e o que se pregunta a cidadanía é en que gastaron os cartos”.

Pontón destacou que o acordo de investidura logrado polo BNG aporta unha solución ao problema xerado polo PP ao garantir un trato en igualdade para a Galiza na condonación de débeda, exactamente o mesmo que acordou reclamar o Parlamento galego hai pouco máis dun mes pero que agora Rueda critica.

Comentarios