Consello da Xunta

Rueda "non renuncia" a pedir a condonación da débeda, medida que figura no acordo BNG-PSOE

O presidente da Xunta da Galiza recoñece que "non renuncia" a pedir para o país que se condone parte da débeda que a Galiza ten co Estado, no que suporía sumarse a unha das medidas que figuran no acordo de investidura entre BNG e PSOE asinado esta semana: a de que a Galiza tería unha quita "análoga" na súa débeda á que se fixou para Catalunya (20% do total).
O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda non gosta do acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSdeG, e así o leva manifestado en reiteradas ocasións estes días, mais tampouco desbota aproveitar algunha das medidas que se contemplan nese pacto, en concreto, no punto 3 do mesmo. Aí estipúlase que a Galiza terá compensacións "análogas" na condonación da débeda que ten no Estado.

A preguntas de Nós Diario, o presidente galego manifestou na súa comparecencia após o Consello da Xunta que "un traxe feito á medida de Catalunya non ten porque convir a Galiza" mais posteriormente apuntou, preguntado de novo sobre se o Goberno galego ía reclamar esa condonación, que "non renuncio" [a iso], e que "na conta final, a Galiza non vai pasar por menos". O titular da Xunta, porén, insistiu en que a Xunta "non vai lexitimar o que se fai con Catalunya". 

Preguntado tamén por este medio sobre se o Executivo que preside vai reclamar a transferencia a Galiza das competencias pendentes—traspasos que figuran no acordo de investidura— indicou que o Goberno estatal "xamais" se puxo en contacto coa Xunta para tratar estes temas e criticou que eses traspasos "xa estaban no pacto de investidura [de nacionalistas e socialistas do 2000 e incumpriuse". O Goberno galego non solicitou nestes catro anos ningunha transferencia.

Lei do litoral

A respecto da decisión do Tribunal Constitucional de admitir o recurso do Estado contra a Lei do Litoral e suspender parte da mesma, Rueda considrou que o recurso presentado polo Goberno español é "máis político que xurídico".

Nesta liña, e preguntado sobre a continuidade das obras en parques eólicos paralizados por sentenzas do TSXG, o presidente galego dixo "descoñecer eses casos" mais chamou a "cumprir as sentenzas" e non perdeu oportunidade de lembrar que a Xunta vai recorrer aquelas resolucións xudiciais contra proxectos eólicos aprobados pola Administración galega pois as sentenzas "enmendan a plana aos informes dos nosos técnicos".

Oferta Pública de Emprego

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza unha oferta pública de emprego (OPE) para 2024 de 1.102 prazas das que case 55% (606) son de acceso libre, mentres que 309 promoción interna e 187 para avanzar no proceso de funcionarización. A data das probas fixarse nun Consello a realizar antes de que finalice este ano. 

Tamén aprobou o Goberno galego iniciar unha experiencia piloto en 20 colexios galegos a través da introdución dunha materia de educación en patrimonio e que se implantaría da man do proxecto Ponte nas Ondas. Por último, o Executivo deu o visto e prace a ampliar en 7 patoloxías máis os tempos máximos de espera para ter unha consulta (45 días) ou ser operado (60).

Comentarios