18-F

Gonzalo Caballero repetirá previsibelmente como deputado segundo fontes do PSOE

O nome de Gonzalo Caballero será un dos que o Partido Socialista de Vigo proporá na asemblea local desta quinta feira.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

A asemblea do Partido Socialista de Vigo, cidade na cal lidera o alcalde Abel Caballero, proporá ao que fora secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero para ir na candidatura do partido pola circunscrición de Pontevedra nas eleccións galegas do 18 de febreiro (18-F).

Deste modo, o que fora xefe de filas do PSdeG até as primarias nas cales se impuxo o actual secretario xeral, Valentín González Formoso, previsibelmente repetirá como parlamentario e non se incorporará polo momento á Universidade de Vigo, institución na cal é profesor de Economía Aplicada e á que solicitara a reincorporación.

O nome de Gonzalo Caballero será un dos que o Partido Socialista de Vigo proporá na asemblea local desta quinta feira. Tras iso, a proposta será elevada á dirección do partido, que se reunirá a vindeira semana, e terán que dar o visto e prace do Comité Nacional do PSdeG, o máximo órgano entre congresos, que decorrerá na próxima terza.

Caballero ía, en principio, competir contra José Ramón Gómez Besteiro para ser o candidato á Xunta da Galiza dos socialistas, algo que finalmente non aconteceu ao retirar Caballero a súa candidatura no proceso.

Ademais do de Gonzalo Caballero, prevese que outro dos nomes que estean encima da mesa por parte da agrupación viguesa sexa o da Leticia Galego, quen tamén foi deputada na lexislatura recentemente finalizada coa convocatoria electoral.

"Teremos todo en conta"

Preguntadas respecto diso, fontes da dirección do PSdeG aseguraron que "todas as propostas de compañeiros e compañeiras para conformar as candidaturas "son tidas en conta pola dirección" e demostran que "o PSdeG é un partido vivo, con ganas e forza" para pór fin ao PP na Galiza.

"Temos moitos compañeiros e compañeiras con gran capacidade e valía", indicaron para lembrar que "o proceso de conformación de candidaturas está regrado", é "transparente" e "cando finalice darase conta do resultado final".

Comentarios