Gonzalo Caballero retírase das primarias do PSdeG por falta de apoios

O anterior secretario xeral do PSdeG e deputado da formación no Parlamento, Gonzalo Caballero, fixo pública a súa decisión de retirar a súa candidatura para as primarias socialistas.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

Caballero vinculou a súa renuncia a concorrer ás primarias do PSdeG  a que durante esta semana comprobou que “a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG optan por outra candidatura”.

O dirixente socialista decidiu presentar a súa renuncia por "lealdade e responsabilidade" ante “o cambio político que quere para Galiza”. Nesta liña, apuntou, tamén, a proximidade das eleccións galegas.

O deputado do PSdeG afirmou que “sinto non convencer aos cadros e ao conxunto do partido coas miñas reflexións e chamadas a endereitar o rumbo, pero agora toca facer o mellor para o PSdeG dentro das opcións posíbeis e no tempo que temos por diante”.

A posición de Abel Caballero

Unha das razóns que influíu na retirada de Gonzalo Caballero foi a decisión do sector nucleado arredor do seu tío, o alcalde vigués Abel Caballero, de apostar no proceso de primarias por José Ramón Gómez Besteiro, que conta co apoio da dirección estatal da formación.

Caballero  agradeceu aos militantes socialistas "o seu aval apoio e soporte", así como ao seu “equipo de primarias pola súa dedicación e apoio á decisión que tomou”.

O dirixente do PSdeG asegurou que "nunca tivo medo" a gañar ou perder as primarias e lembrou que xa as gañou e perdeu "noutras ocasións". Neste sentido, indicou que toma a decisión "pensando no mellor" para o partido ante as "actuais circunstancias a escasos meses dunha convocatoria electoral na Galiza".

O deputado socialista incidiu en que continuará traballando para fortalecer o PSdeG porque “necesitamos un PSdeG forte para o cambio político en Galicia".

Comentarios